A Estrada rende homenaxe a Rosalía de Castro nun acto no Teatro Principal

La Voz A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

23 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En varias localidades das bisbarras hai iniciativas co gallo do Día de Rosalía de Castro, destacando a homenaxe que hoxe terá lugar, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da Estrada. Unha iniciativa municipal en colaboración cos centros educativos que inclúe a presentación dun vídeo institucional titulado Ai vai a tola soñando, que foi filmado e dirixido polo estradense Lucas Terceiro, co apoio dunha ampla representación de escolares da vila, ademais do grupo Plan Siberia, encabezado polo músico Gabriel Blanco, que compuxo e interpretou a canción do videoclip.

No acto do Principal da Estrada haberá tamén unha recitación de poemas da escritora a cargo dos dez centros educativos e coa participación do propio Gabriel Blanco, que interpretará a canción do vídeo. Ao remate do acto o traballo audiovisual subirase á plataforma Youtube para o seu visionado polas persoas interesadas. Xa foron gravados outros sete vídeos, que sumaron preto de 40.000 reproducións.

Mentres, en Lalín a biblioteca municipal Varela Buxán acolle nestes días unha exposición temática sobre Rosalía. Desde hoxe e ata fin de existencias repartirán marcapáxinas e mochilas con pinturas a todos os usuarios. Tamén en Silleda haberá agasallos na biblioteca, neste caso unha bolsa conmemorativa. E no centro cultural Manuel Lamazares de Rodeiro hoxe haberá un espectáculo músico teatral ás 9.45 horas.