Paco López Barxas bota raíces no Foxo

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O escritor agasallou ao CEIP co tinteiro co que empezou a escribir de neno

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP do Foxo fixo este xoves da literatura unha festa coa homenaxe que lle brindou ao escritor e xornalista Paco López Barxas, autor do libro A historia de Ramón, co que estivo traballando este curso o clube de lectura do centro.

López Barxas deixou pegada no recinto escolar plantando un carballo no xardín da poesía mentres os escolares protagonizaban unha performance con palabras relacionadas coa súa biografía e daban lectura a un poema dedicado ao autor escrito para a ocasión por Xosé Luna. O escritor chegou ao centro acompañado da artista Isabel Pintado, autora das ilustracións de moitas das súas obras. Mentres López Barxas enganchaba aos nenos con historias e anécdotas da súa propia vida e das personaxes dos seus libros, Isabel ía poñéndolle cara e corpo ós personaxes nunha colección de ilustracións sobre a marcha que deixou de agasallo no centro.

O autor amosouse ilusionado coa homenaxe escolar. Non é a primeira que lle brindan. «Todas son diferentes e todas están unidas pola capacidade de ensoñación dos nenos», dixo o escritor loubando a capacidade da directiva e do profesorado do CEIP do Foxo para fomentar a fantasía dos nenos e a súa ilusión polo mundo dos contos.

Historia dun cadaleito

López Barxas comentou co alumnado historias e anécdotas da súa obra A historia de Ramón, que mestura realidade «e algo máis» para achegar a vida do escritor Ramón Otero Pedrayo, que ten tras de si unha fermosa historia. Conta López Barxas que cando naceu Otero Pedrayo o seu pai plantou unha árbore na casa familiar de Trasalba. Ao escritor gustáballe referirse a esa árbore coma «o meu irmán xemelgo». Aquela araucaria foi derribada polo furacán Hortensia, o que levou a Otero Pedrayo a pensar que o seu fin tamén debía estar cerca. Cando faleceu, os seus amigos levaron á serrería aquela árbore para facer un cadaleito e enterrar ao escritor co seu irmán xemelgo, con terra da horta de Rosalía.

Despois da interesante charla cos cativos, o programa culminou coa inauguración na biblioteca do colexio do Foxo dun recuncho dedicado á obra de Paco López Barxas.

O autor agasallou ao centro cun lote das súas obras e cun obsequio moi persoal: o tinteiro co que sendo un neno facía caligrafía ao estilo gótico. «Quixen transmitirlle aos nenos que eu tamén fun un neno coma eles e que sigo sendo un neno grande. Hoxe contaxieime da capacidade de ensoñación deles e emocioneime moito», declarou o escritor ao final do acto.