«Os meus produtos son todos totalmente veganos e cruelty free»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Un curso desatou a elaboración dos seus primeiros xabóns para familia e amigos pola silledense María Sánchez Louzao

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A elaboración de xabóns artesanais e deterxentes caseiros non será para moitos unha novidade ao habelo presenciado na casa de avoas ou nais, aínda que a primeira receita coñecida para confeccionar xabón é moito máis antiga ao remontarse ao ano 3.000 antes de Cristo; cunha primeira fórmula feita en Sumeria (Oriente Medio). Os romanos foron os que fixeron da súa elaboración un artigo artesanal, converténdoo nun artigo de uso diario por hixiene e para evitar enfermidades. Certo é que a cidade francesa de Marsella se converteu no centro do negocio do xabón no século IX, unha actividade que se mantén na actualidade pero incidindo o consumidor final -cada vez máis- na procura de produtos naturais. Esa liña é a que traballa María Sánchez Louzao dende a súa casa de Siador, en Silleda, de onde saen @xabonsbymaruxa.

—Como empeza con todo isto de fabricar e vender xabóns?

—É preciso remontarse a seis ou sete anos atrás en que se celebrou en Siador un curso de xabóns na asociación de amas de casa da parroquia. Por aquel entón fun coa miña nai, e recordo que era a única rapariga que participaba no curso con todas elas (ri)... Sempre me trataron xenial e a día de hoxe seguen facéndoo. Todos os venres ía encantada ao curso agardando o que íamos facer nesa xornada... Sempre eran elaboracións relacionadas co tema dos xabóns, bombas de baño, deterxente... Logo daquel curso decidín facer de regalo de Nadal xabonciños tanto a amizades como á familia. Despois da corentena, derivada da situación sanitaria, púxenme a investigar un pouco máis no tema dos xabóns e as miñas compañeiras de piso en Santiago (estuda filoloxía inglesa e italiana) e amizades en xeral animáronme moito a abrir a páxina de Instagram.

—Por que apostou pola elaboración de xabóns veganos?

—Preferín facer produtos veganos xa que son unha amante dos animais e odio as marcas que os empregan para facer todo tipo de probas. Por outra parte tamén son moitas as persoas que non poden acceder a estes produtos pola súa escasa produción ou polos seus elevados custes. Outra das razóns é que quixen dar visibilidade e ensinar que as cousas de orixe vexetal son tan boas ou maiores que as de orixe animal, e así concienciarnos de que é necesario facer un cambio nese aspecto.

—No mercado atopamos unha ampla gama de xabóns que se comercializan como naturais pero, cal é a realidade?

—Realmente é bastante complexo e laborioso distinguir nos establecementos entre natural e vegano. Normalmente non vas a facer a compra cunha listaxe de ingredientes, e aí é onde moitas empresas aproveitan a oportunidade. Moitos son os que comercializan os produtos naturais coma veganos pero isto non ten porque ser así: unha cousa é natural, e neles poden ir cousas de orixe animal, e outra é que sexa vegano; é dicir, todo de orixe vexetal e sobre todo cruelty free (libre de crueldade animal) que son os que fago eu.

—Cales son as principais propiedades dos xabóns veganos, como os que elabora?

—Os xabóns que eu fago levan aceite de rosa mosqueta odonizado que proporciona unha profunda hidratación, axuda a cicatrizar e a reducir as manchas na pel. Ao ser un produto vegano e libre de SLS (lauril sulfato de sodio), un químico moi prexudicial para a pel, é apto para todas as peles mesmo aquelas que son moi sensibles.

—Que tipo de xabóns saen do seu proceso elaborativo?

—Actualmente elaboro xabóns sólidos que son de glicerina vegana libre de SLS, e xabón líquido vegano que tamén está totalmente libre de lauril sulfato de sodio.

«A miña última incorporación é un bálsamo labial á marxe de xel líquido e candeas»

Os xabóns foron no seu momento un artigo de luxo ao estar suxeitos aos denominados Monopolios Reais, que gravaban os produtos con impostos moi elevados, que só estaban pois ao alcance duns poucos. Non foi ata 1789 en que desapareceron ditos monopolios para facer deste produto algo ao alcance de calquera peto, ao atopar no mercado xabóns de prezos moi diversos. Produtos que, obviamente, foron mudando tamén nas súas elaboracións que no caso dos que saen do obradoiro de María pasan «por controlar o punto de fusión para que a glicerina non se queime. Se o punto de fusión é moi levado córrese o risco de que ao botar o aceite de rosa mosqueta, este perda as súas propiedades», explica.

Toda unha ristra de opcións que a moza silledense vende a través da páxina de Instagram (@xabonsbymaruxa), e cuxa produción pode viaxar a calquera recuncho; «aínda que o meu volume de fabricación non é moi elevado ao tratarse dunha elaboración que fago eu na casa, como entretemento, e só cando teño un pedido». Pero agora mesmo ten entre mans precisamente un encargo para unha próxima comuñón, «e para o ano que vén teño unha voda de máis de 200 persoas», comenta ilusionada.

No horizonte de María Sánchez está rematar a carreira pero sen deixar de lado os seus xabóns, e mesmo poñendo énfase no xel líquido, candeas de tres tipos e unha última incorporación: un bálsamo labial tamén vegano. A totalidade dos seus produtos se comercializan como @xabonsbymaruxa, nome achegado polas súas amizades que a chaman Maruxa, «e ao ser unha futura filóloga decidín poñerlle o termo by no medio, e o dos xabóns é polo feito de que foi co que comecei aínda que agora xa teña algúns produtos máis», explica.