Remade xuntos, só así conseguiredes que as cousas sucedan

Beny Borrajo TRIBUNA LIBRE

DEZA

11 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o momento de dicirvos ata outra. Levo 15 anos como membro dunha Anpa e, como a maioría sabedes, aquel primeiro ano anoteime por un único fin: un lugar onde deixar á miña filla antes e despois do horario escolar mentres eu traballaba.

Recordo aquel ano, alá polo 2007, cando a miña rapaza aínda era alumna da gardería e me puxen diante do colexio de Figueiroa para recoller sinaturas coa intención de crear un Plan Madruga e un comedor escolar. Sen coñecer a ninguén e só co apoio dunha nai que se atopaba na mesma situación ca min —a cal xa era membro da Anpa Picariños por ter un neno maior— presenteime naquela primeira asemblea anual no colexio, coas miñas 432 sinaturas co fin de conseguir o que hoxe en día todos e todas podedes desfrutar. Apoiada polo centro escolar e pola Anpa Picariños do CEIP de Figueiroa, xunto coa Anpa do CEIP Pérez Viondi, mantivemos unha reunión co Concello onde propuxemos crear unha Federación de Anpas, a que hoxe en día todos coñecedes como Fesanpas. Síntome moi orgullosa de formar parte dese equipo e de ter sido a presidenta nese momento de creación. Foron anos moi bonitos. Todo era andar a favor. Eramos unha familia, todos. E cando digo todos refírome aos centros de Infantil e Primaria do Concello da Estrada. Tiñamos as mesmas inquedanzas, as mesmas necesidades e as mesmas preocupacións, pero non vou negar que a inclusión de centros de ensino superior (ESO e bacharelato) fixo que a nosa unión se deteriorara.

Ser membro dunha Anpa conleva moito sacrificio, sobre todo cando hai que comezar a andar. É un traballo sen soldo, que aínda por riba de poñer do noso tempo (recordo aquelas horas, sobre as once da noite, coa miña filla no regazo mentres faciamos aquelas reunións interminables para resolver as cuestións ) moi pouca xente recoñece o esforzo que se fai.

Recordo aquela primeira vez diante da Televisión Estrada, aquelas reunións cos partidos políticos de Galicia, aquelas charlas interminables no despacho de Manuel Sanmartín, daquela concelleiro de Educación… E sempre polo mesmo motivo, pedir melloras para os centros educativos.

Quero amosar o meu agradecemento a cada unha das Anpas que estiveron na creación deste longo percorrido, pero esas anpas tiñan unha persoa representante que quero nomear por ser a voz de cada centro, por ser a voz de cada pai e cada neno: Anpa Picariños do CEIP de Figueiroa: Raquel Giao Terzado; Anpa Outeiro do CEIP Manuel Villar Paramá: Elisa Cristobo Luaces; Anpa do CEIP Pérez Viondi: Pablo Rozados Grela e Laura Herraiz Cabanas; Anpa Alecrín do CEIP de O Foxo: Pilar Guerrero Gawenda; Anpa A Devesa do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda: Sira Carmen Leis Caramés e Anpa do CEIP de Oca: Luis Rendo Rial. Quero agradecer a José Manuel Blanco Sanmartín, hoxe presidente de Fesanpas —e compañeiro na primeira xunta directiva de Fesanpas xunto con Pablo Rozados e Laura Herraiz e comigo mesma— ir sempre da man comigo, apoiándome nos momentos máis difíciles e celebrando as metas conseguidas.

Aos membros que agora comezades a etapa de estar á fronte quero dicirvos: Remade xuntos cara o mesmo destino. Só así conseguiredes que as cousas sucedan.

Hoxe temos en tódolos centros escolares comedores, polo que a miña meta está cumprida. Buscade a vosa e aínda que haberá tempos difíciles, xuntos pódese con todo. Agradecervos o apoio, cariño e comprensión e que saibades que aquí sempre podedes contar comigo.