Unha cita coa historia, 23 anos de malla tradicional de Doade

Manuel Blanco

DEZA

18 ago 2022 . Actualizado a las 11:02 h.

A parroquia lalinense de Doade acolle o vindeiro sábado 20 de agosto a XXIII edición da Festa da Malla e o 8º Serán da Malla, distinguida co selo Festa de Interese Turístico de Galicia. Será unha longa e intensa xornada na memoria da tradición, a etnografía, a gastronomía e a música, no núcleo do Museo da Paisaxe, que mostra todo o seu esplendor neste idílico recuncho da Galicia profunda.

Ningún dos compoñentes daquel reducido grupo de veciños de Codeseda, a miña aldea, cando nos reunimos para acender un dos motores de mallar cos que xa contaba o Museo por aquel entonces, hai agora 23 anos, máis da metade dos cales xa non viven para contalo, aínda que permanecerán sempre na nosa mente e no noso corazón, poderiamos imaxinar no mellor dos soños que esta humilde iniciativa, destinada a tan só a rememorar a vida dos nosos devanceiros, a través do ruxir dos motores, as vivas cores das máquinas de mallar e aventar, coas eiras do lugar repletas de xente, se convertería grazas a nosa constancia e ilusión, xunto coa colaboración desinteresada de tanta xente, na gran malla da Terra Galega.

Pedimos dende aquí a asistencia masiva a esta gran festa, tanto dos veciños do Deza, como de todos os galegos e galegas, e tamén dos milleiros de persoas foráneas que aman e visitan a nosa Terra por estas datas, porque consideramos que constitúe unha oportunidade única de coñecer e apoiar coa nosa presenza a historia, a beleza e o encanto do mundo rural galego, tal e como se merece.

Que ninguén se chame a engano crendo que xa non agradecemos ou non resulta precisa a asistencia dos que nos apoiaron sempre, porque todos somos máis necesarios e mellor recibidos ca nunca na Casa do Patrón. Se soubemos estar unidos nos problemas, nos fallos, nas dificultades, e mesmo durante a pandemia, unha dura proba de fogo e un auténtico rito de paso para todos nós, ao longo de máis de 20 anos consecutivos, seguro que tamén saberemos facelo para celebrar xuntos este éxito compartido, produto do esforzo común.

Se aínda es novo, ven a coñecer as túas raíces máis auténticas, se xa vas maior, faino para recordar a túa infancia e xuventude. Se xa asistiches a edicións anteriores, seguro que volverás a sorprenderte coas innovacións que incorporamos cada ano; se

aínda non estiveches na malla, ven a gozar dunha festa sen igual, chea de bulicio, actividade e colorido, que lembra e representa o traballo comunitario máis importante da historia de Galicia ao longo de centos de anos.

Nós pasaremos, pero esta malla que executamos con tanto cariño, ten a continuidade garantida, co gran apoio popular que nos prestades, unido á participación de moita xente nova que se implica na súa execución nos últimos 10 anos, e cada unha das súas edicións perdurará por sempre nas vivencias, nos recordos, nas fotos, nos vídeos, nas pinturas e na importante colección de máquinas, motores e antigos apeiros utilizados nas mallas de antano, que son conservadas como ouro en pano pola Casa do Patrón, o gran ecomuseo do mundo rural galego, para transmitir integramente este gran acervo cultural aos nosos continuadores.

Como fillo, neto e bisneto de caseiros, o día da malla atópome moi feliz recordando os meus orixes, acompañado por centos de amigos que fan un alto no seu camiño para pasar xuntos unha marabillosa velada cultural, gastronómica e festiva que xamais esqueceremos. Non podo máis que sentirme agradecido por este inmenso e continuado apoio, tanto público como privado, e tamén ben orgulloso de ter liderado este proxecto, a actividade estrela do Museo Casa do Patrón entre as moitas que desenvolve cada ano, todas elas encamiñadas a recuperar, conservar e transmitir ás xeracións futuras as tradicións, os grandes valores e a importancia da loita sen cuartel dos nosos antepasados que, co seu sacrificio sen límites, conseguiron para nós unha vida mellor.

O día 20 de agosto, todos á malla de Doade, que por fin está recoñecida oficialmente como a malla de todos os galegos, que é o que sempre foi.