Festa por festa, o Carme da Xesta

daniel gonzález alén LALÍN

DEZA

Daniel González Alén

As dúas xornadas de celebración na parroquia dezá foron moi concorridas

03 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Volveron as festas dedicadas a Virxe do Carme á parroquia lalinense, facendo valer de novo o dito popular de “Festa por festa... o Carme da Xesta”, con actos relixiosos de misas e procesións e profanos con actividades culturais, musica e xantares nas casas con grande concorrencia, favorecida este ano pola calor rexistrada polo día e a noite.

Os actos relixiosos tiveron lugar na capela que a Nai de Deus, ten no campo da festa, a onde o domingo anterior, foron traídas as imaxes que se gardan na igrexa parroquial. Nas xornadas do domingo e luns, houbo misas solemnes que encheron a capela e procesións, nas que os veciños mais devotos trala cruz e o estandarte parroquial do San Fis, portaron as imaxes da Virxe do Carme, Santo Benito Abade, San Pedro Fis o patrón da parroquia e Santo Antonio de Padua, que co acompañamento do grupo de gaitas Repenicando, atravesaron o campo da festa ata o cruceiro e volta a capela polo camiño de peregrinación a Compostela. Moitos devotos prenderon cirios, pasaron o pano a Virxe e deixaron esmolas.

Logo das procesión houbo sesións vermú, baixo a sombra dos centenarios carballos do campo da festa, amenizadas polo grupo Master e a Charanga Ardores, que tamén actuaron nas verbenas coas agrupacións Fussión e Furia Joven.

Solta do globo

Tamén volveu a tradición da solta do globo nestas festas, a semellanza do mais célebre que ceiban en terras de Betanzos, que dende os primeiros anos do século XX, artillaba a familia Rodríguez e deixara de celebrarse nos anos setenta, logo de que aterrara de súpeto no próximo lugar do Navallo, provocando un incendio no monte.

Nesta ocasión foi ben un dos veciños mais vellos, coñecidos e queridos da parroquia, o amigo e colaborador Isolino Rodríguez, quen correu co encargo de lanzar o aparello, que agora xa non é de papel nin vai con lume, senón que son varios globos de látex , inflados con helio e levan colgada unha tarxeta indicando a onde pode chamar quen o atope cando aterre.

Co empuxón que lle dou Isolino, o globo subiu coma un foguete e axiña se perdeu de vista, marchando cara o sol e onte mesmo, chegaban noticias de que fora visto en Fisterra, disposto a cruzar o Atlántico cara a terras americanas, ata onde contan os veciños que chegou nalgunha remota ocasión, mentres que nas dúas últimas ocasións, aterrou Asturias e León.

Exposición fotográfica

Nas xornadas previas a ultima fin de semana de xullo, houbo numerosas actividades programadas polos ramistas da Asociación de Veciños, de entre as que destaca a exposición fotográfica de Xosé Manuel Fernández “Piki da Xesta”, que mostraba aspectos desta súa parroquia e outras actividades socioculturais, das que este xornal xa dou cumprida conta en días pasados.