«Empezamos no medio dun deserto e había que inventalo todo de inicio»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Viravolta cumpre 40 anos en Lalín facendo historia no mundo do títere

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía lalinense de títeres Viravolta cumpre neste ano catro décadas de vida, un bagaxe importante plagado de fitos e toda unha vida profesional para Anxo García, Julio Balado e Pilar Álvarez. Os tres son a alma de Viravolta, pero como contaba onte Julio Balado «son sempre fomos tres». Inicialmente, explica, «eramos un grupo de teatro» de xente nova pero a xente que estaba con nos facendo teatro marchou a estudar, desapareceu. Quedamos sen actores e as marionetas empezaron a facer de actores. Fixemos as marionetas e naquel momento estabamos nos os tres Paio e Manuela Buxán. comezamos os cinco, logo quedamos catro e despois quedamos tres». Ao longo da historia de Viravolta, que naceu no 1982, na compañía integrouse un tempo Inacio Vilariño que marcharía para crear a súa propia Compañía: Fantoches Baj e embarcarse noutros proxectos e tamén tiveron moita relación musical con Luis Areán que se encargaba das músicas dos espectáculos e participaba neles.

Xa naquela compañía primixenia de teatro, explica Balado, «sempre tiñan sitio os monecos articulados e xa había monicreques. Si facíamos un espectáculo sobre o mar puñamos un peixe pequeniño que ía pasando dun lado a outro tirando do fío».

Empezaron moi novos co teatro e cos cabezudos. Julio Balado conta que cando empezaron cos cabezudos se empezaron chamando Carallada Compañía de Espectáculos Callejeros «e o nome xa nos trouxo problemas. Chegabamos a facerlle unha proposta a comisión de festas de Lalín e o de carallada nos dicían que non se podía por e logo aparecía no cartel Compañía de teatro mixto».

Nos albores dos anos 80 houbo unha explosión cultural que rematou con anos de inactividade. No que respecta aos títeres, explica Balado, «cando empezamos era unha profesión que non existía, que desaparecera dende os tempos nos que as marionetas andaban polas feiras. Como practicamente non había teatro había que inventalo todo, crear circuítos. Empezamos no medio dun deserto. Viñamos dun tempo terrorífico e o mundo das marionetas era moi difícil. Os titiriteiros sempre foron xente non de fiar» (ri). Viravolta levou aos seus membros por Galicia adiante, a Portugal, Valencia, Barcelona e incluso Suíza, onde actuaron no centro galego. Balado defende os títeres como teatro non so infantil, senón para adultos. Durante estes 40 anos dedicáronse, sobre todo, apunta Balado «os títeres de guante, de cachiporra... a recuperación de Barriga Verde foi un dos nosos eixos da nosa vida de titiriteiros». Precisamente celebrarán o seu 40 aniversario en Rianxo en Titiriberia, o festival de títeres tradicionais.

Cre que «agora o mundo do títere está mudando moito e igual estamos quedando xa un pouco fora das programacións. Xa non están nas feiras, e raro que estén nas festas dos pobos e faise unha programación de marionetas moi encamiñada ao público infantil e a pedagoxía e nos somos un pouco máis de espectáculo puro e duro». Agora, bromea, «xa pasamos dos 60 os tres e podiamos dicir que estamos na prexubilación». Aínda que seguirán adiante, «agardemos que por moitos anos», recoñece que «ningún tivemos fillos, fixemos de captadores de algunha xente, pero non fixemos escola fixa e igual a compañía acabará con nos». O testiño queda en mans dos que pasaron por Viravolta e que agora se dedican á profesión.

«A maior satisfacción é o público, sen el non eres nada»

A maior satisfacción destes 40 anos de profesión e os que quedan por vir é «o público, sen o público non es nada é o público hai que coidalo moito», afirma Julio Balado, que bota en falta programas de monicreques nos pobos. Espectáculos nos que, conta, hai compañías que introducen as novas tecnoloxías.

Viravolta segue a traballar estreando espectáculos e pondo na rúa esa maxia dos monicreques. Estrearon non fai moito A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón de Lorca e unha obra do conde Lucanor. Ao longo deses 40 anos que xa van de Viravolta, a compañía atesourou con paixón moito material e marionetas de todo o mundo que formaron parte do Museo Galego da Marioneta de Lalín pero que agora «están empaquetadas e almacenadas». A cartelería e folletos das compañías que tiña Viravolta están xa, lembra Balado, na Universidade de Santiago, nesta caso na facultade de Xornalismo e cre que «igual o resto da biblioteca acaba tamén na universidade». Outra cousa é o resto de material do que forman parte os monicreques. Balado apunta que «é un material que queremos moito e non sabemos que faremos».