Pablo Ferreiroa: «Miami é o quilómetro cero do turismo de todo o mundo»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

cedida

O lalinense estará no Congreso Mundial de Empresarios Galegos da Toxa

06 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O verán trae de volta á terra, para disfrutar dunhas semanas de vacacións, a moitos emigrantes. É o caso do empresario lalinense Pablo Ferreiroa, afincado na actualidade en Miami e exdirectivo da Hermandad Gallega de Caracas (Venezuela), que gozou das festas da súa parroquia de Erbo antes de tomarse un descanso, e logo asistir ao congreso previsto para fin de mes na Toxa onde se darán cita empresarios de todo o mundo.

—Como está o sector empresarial galego en Miami?

—Estamos con moito optimismo, e rompendo récords respecto do ano 2019. Se Lalín é o quilómetro cero de Galicia, Miami é o quilómetro cero do turismo de todo o mundo. Contamos con grandes empresas, entidades bancarias... Alí é o tronco, a base de todo. En Miami residimos moitos galegos, que nos unimos na sociedade de Galegos Forever con 350 socios. Mantemos as nosas reunións, facemos un xantar mensual e compartimos a morriña pola terra. Somos unha gran comunidade que participamos moi gustosos na celebración da Feira do Cocido no exterior que fixo o concello. Aproveitouse para establecer contactos de grandes empresas de alí coas de Lalín e esperemos que fructifiquen no tempo.

—A que sectores afecta esa vía de negocio?

—Ao encontro empresarial asistiron empresarios galegos pero tamén americanos que teñen interese en recibir produtos galegos; de feito no sector da hostalaría en Miami xa se está facendo, xa tratamos de impulsalos. Os viños son galegos, os queixos, os embutidos, o peixe, as castañas, os grelos...

—Trocou Venezuela, onde foi directivo da Hermandad Gallega, por Estados unidos ao igual que fixeron outros galegos.

—Venezuela é un país marabilloso de onde puidemos sacar algúns recursos para investilos en Estados Unidos, polo que lle debemos parte do que temos. Cando fun directivo da Hermandad Gallega en Caracas, alá polo ano 2000, había 42.000 socios e hoxe quedan 6.000 nada máis. A maioría buscou horizontes novos, procurando máis seguridade.

—Ten previsto asistir ao congreso mundial de empresarios galegos, que se vai celebrar na Toxa.

—Si. Trátase do oitavo Encontro de Empresarios Galegos no Mundo que terá lugar o 28 deste mes no hotel da Toxa, con asistencia de empresarios de Estados Unidos, Venezuela, México, Canadá, Países Latinos... A organización parte de AEGAMA xunto coa Xunta de Galicia, Xacobeo e Abanca, e haberá conferencias, exposicións de produtos e abordarase o importante potencial dos empresarios galegos no exterior. Intentaremos que as grandes fortunas empresariais galegas, que as hai, poidan impulsar tamén os seus recursos en Galicia. Creo que é un encontro moi interesante dende todos os puntos de vista, pero sobre todo para reunirnos e facer negocio tamén na terra.

—Como se sente aquí?

—Marabillosamente ben (ri). Galicia é un sitio de paz e harmonía que presta moi ben nestes tempos en que o mundo anda tan revolto.