Música e baile tradicional no Serán de Lalín

La Voz

DEZA

miguel souto

18 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun Día das Letras Galegas pasado por auga, os lalinenses non quedaron na casa e saíron a celebralo co tradicional Serán das Letras que por mor do mal tempo trocou de escenario e tivo lugar na carpa do Campo da Feira no canto da Carballeira do Rodo. As actuacións encadeáronse ao longo da xornada con moita música, baile e comida.

Ás 12.00 comezaron as actividades co obradoiro sobre técnicas de castañetas no baile tradicional galego que impartiron Carlos Quintá e Xisco Feijoo. Despois desta clase mestra, foi o momento de poñer en práctica o aprendido na sesión vermú á que lle puxo música Os D'Abaixo. Deseguido os asistentes repuxeron forzas no xantar popular.

Á tarde celebrouse o acto do Serán da man de Celso Fernández Sanmartín que exerceu de anfitrión. O numeroso público que se achegou á carpa puido gozar das actuacións de seis grupos dezás de música tradicional nunha foliada que serviu para enxalzar a nosa cultura. Deste xeito, participaron Ailola de Lalín, Ponte da Prada de Botos, Os Trasnos de Doade, Os Dezás de Moneixas, Grupo de Gaitas Repenicando e Carballo da Manteiga.

Pandeira de Honra

Este ano as galardoadas coa Pandeira de Honra, que se entrega pola defensa e posta en valor da nosa cultura, foi para as Tanxugueiras. Porén, nesta ocasión a entrega da Pandeira de Honra non tivo lugar o propio Día das Letras, senón que se fixo o anterior sábado ao coincidir coa súa estadía en Lalín no festival Cocidos do Camiño. Un recoñecemento do seu traballo polo idioma e a música tradicional.