Mario López, presidente do Balonmán Lalín: «Espero que as novas candidaturas sexan de xente vinculada ao club»

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Este xoves terá lugar a asemblea onde se escollerá unha nova directiva

11 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de cinco temporadas como presidente do Balonmán Lalín, e con máis de vinte dentro do club, Mario López deixará o cargo e abandonará la xunta directiva este xoves na asemblea extraordinaria que se celebra as 20.30 horas no Lalín Arena. Na orde do día está a presentación das candidaturas, así como a elección da nova directiva da entidade. Aínda que polo momento non transcendeu publicamente ningunha candidatura, Mario López asegura ter claro que non continuará á fronte do equipo da súa vida.

Cónstalle algunha candidatura que se vaia presentar o xoves?

Non teño constancia oficial. O subconsciente dime que haberá unha ou dúas candidaturas, pero realmente non teño ningún dato, todos sairemos de dúbidas o xoves. Espero que se hai unha nova candidatura sexa vinculada ao club, con xogadores ou pais de rapaces.

No caso de non haber ningunha, habería a posibilidade de que vostede continuase no cargo?

É unha decisión definitiva, polo menos no meu caso, pero creo que o resto da directiva tampouco vai continuar. O único que teño claro e que eu vou marchar.

Cales son os motivos polos que tomou unha decisión dun xeito tan claro?

—Todo é cíclico, e unha directiva deportiva tamén. Toca un relevo xeracional. Levo doce anos con esta directiva e máis de vinte no club con directivas anteriores. Son moitísimos anos e apetéceme ir aos partidos do Lalín e desfrutalos doutro xeito. Toda a vida viñeron e marcharon directivas e o Balonmán Lalín sempre tirou para adiante.

Ten que ver co seu paso adiante na política?

Honestamente, non. Non creo que houbese ningún problema en compaxinalo. Se quixera seguir seguiría, pero o que prima é o cansazo.

Botando a vista atrás, está satisfeito con como se levou a cabo o proxecto e cos seus resultados?

Cando collemos a directiva tiñamos unha idea moi clara. Sabíamos o que queríamos facer e apostamos “profesionalizar” os equipos. O obxectivo era preparar e formar aos adestradores e apostar pola base. Foi un traballo moi longo, pero cumpríronse os obxectivos. Estou moi satisfeito, o mellor exemplo é que temos un adestrador de Lalín no primeiro equipo.

A nivel deportivo que balance fai do seu mandato?

Estou moi satisfeito con todos os equipos. É certo que o primeiro é o buque insignia, pero temos unha canteira espectacular que está sempre presente nos sectores, fases finais... Despois, unha das cousas que máis orgulloso me sinto é do avance no balonmán feminino. Pasamos de ter moi pouco a, polo menos, un equipo en todas as categorías e sen necesidade de facer mixtos. É unha aposta da que sentirnos ledos.

Un broche de ouro á temporada sería que consigan o ascenso a Prata.

Se logran ascender sería espectacular, senón para nada marcharía cabreado ou decepcionado, todo o contrario, estaría moi orgulloso. Hai que lembrar que moitos equipos fichan xogadores e contan con moitos cartos, pero nós somos o que somos.

—E a guinda organizar a fase polo ascenso. Hai opcións reais?

Ata o luns ou o martes despois de que acabe a liga aínda non saberemos quen organiza a fase porque hai partidos con cousas en xogo. Opcións temos, pero o capital é importante. Está claro que a vai levar o que máis cartos aporte. Non obstante, nós contamos cunha puntuación moi alta porque temos experiencia organizando sectores e fases finais, contamos con boas instalacións e cunha canteira de moito nivel. De todos os xeitos, aínda debemos repasar as nosas contas. O único que temos claro e que non imos empeñar o club, chegaremos ata onde poidamos.