Por outra parte a campaña deste ano volve contemplar a celebración do Gran Prix da Velutina, unha competición entre parroquias na que se premiará ás que logren atrapar máis. «É unha competición xa entre as parroquias do municipio que lle gustou moito á xente, e que me gustaría propiciar con outras iniciativas ao igual que se está facendo por exemplo coa ximnasia terapéutica no rural, e entón se algo funciona ben pois nada mellor que mantelo», sentencia Souto. Así o concurso de capturas de vespas velutinas, para o que se teñen que anotar as parroquias interesadas en participar, abrirase o próximo día 9 de maio e terá continuidade ata o día 30 deste mes. Posteriormente farase o reconto de capturas e haberá premios para as tres mellores parroquias. No pasado exercicio tomaron parte no concurso do Gran Prix da Velutina un total de 10 parroquias lalinenses, e resultaron gañadoras as de Soutolongo, Vilatuxe e Noceda ao lograr capturar o maior número destes insectos. A pasada campaña de trampeo pechouse con 5.200 exemplares de velutinas atrapadas entre a decena de parroquias participantes na actividade.