Avelino Cachafeiro Bugallo, o mellor gaiteiro de Galicia

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

AGAITADIXITAL.COM

Hoxe cúmprese medio século do pasamento do autor da afamada Muiñeira de Chantada e a Alborada a Rosalía

13 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De familia de gaiteiros, Avelino Cachafeiro Bugallo, aprendeu a tocar da man do seu avó Xoán e xa dende pequeno tocaba nas carballeiras mentres coidaba do gando. Foi o quinto fillo de Fermín e Dolores e neto de Xoán Cachafeiro. Pai e avó gozaban xa de merecida fama como bos gaiteiros. Dende a asociación de Amigos da Terra de Montes cóntase que tanto lle gustaba a gaita que incluso usaba o fol como almofada.

Co seu pai, os seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (voz e caixa) formou o grupo Os Gaiteiros de Soutelo ao que ás veces se unía a súa tía Andrea que tocaba o pandeiro. No 1922 entrou na Sociedade Artística de Pontevedra e no 1924 foi elixido «o mellor gaiteiro de Galicia» nun concurso celebrado en Santiago de Compostela interpretando a Alborada de Veiga.

O autor de afamadas pezas como a Muiñeira de Chantada, a Alborada de Rosalía e moitas outras, percorreu con Os Gaiteiros de Soutelo toda Galicia, Bos Aires, Montevideo, Brasil e Barcelona. A morta da súa dona, de seu pai en 1928 e de Bautista en 1933 calaron fundamente no artista. A Guerra Civil truncou iniciativas como a de Castelao, que eloxiouno nos seus escritos, de propor a Avelino para levar á gaita á Universidade e crear unha cátedra que tería ao gaiteiro de Soutelo como mestre.

Nado un 26 de maio de 1899, hoxe cúmprense 50 anos do seu pasamento en 1972. O Concello de Forcarei celebra un homenaxe na súa honra o vindeiro sábado cun acto ás 12.00 horas no cemiterio de Soutelo de Montes. Tocará a Banda de Gaitas de Forcarei e intervirán o músico e investigador Rubén Troitiño, Bautista Alberte Fírvida, sobriño de Avelino, e a alcaldesa de Forcarei. Son algúns dos actos programados polo Concello aos que se sumarán os que terán lugar con motivo da Festa do Gaiteiro.