Xoel Fernández: «A adrenalina que sinto no teatro chegou para quedarse»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Forma parte do reparto da obra «Castelvines e Monteses», de Lope de Vega, que se representa hoxe no Auditorio de Galicia

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Trece actrices e actores, entre eles o lalinense Xoel Fernández, sóbense ás 20.30 horas ao escenario do Auditorio de Galicia para dar vida á obra de Lope de Vega: Castelvines e Monteses, dirixida por Sergio Peris Mencheta, nunha produción de Barco Pirata e da Compañía Nacional de Teatro Clásico.

—Cine, televisión, teatro... Como actor tocaches todos os paus, pero semella que o escenario está nun primeiro posto.

—O teatro é onde me sinto máis forte, e iso non significa que non me guste o audiovisual... Pero hai unha enerxía sobre o escenario que me vai moi ben, estar diante da xente, de 500 ou 600 persoas... Fascíname facer cine e televisión pero a adrenalina que sinto no teatro chegou para quedarse.

—Pois ao teatro entramos. Esta obra é un auténtico espectáculo musical.

—É unha obra de gran formato, para encher localidades, aínda que estamos falando de verso clásico pero a súa particularidade é que é un gran show. É o Romeo e Julieta de Shakespeare pero na obra de Lope de Vega que fixo unha comedia dos amantes de Verona: un amor imposible, familias enfrontadas e unha parella que loita para estar xunta. É ese amor imposible das xuventudes, nun texto clásico convertido nun musical cun elenco de 13 actores que temos que actuar, cantar, bailar, tocar instrumentos... A escenografía pode sinxela pero é inmensamente complicada, e se se puidera ver tamén a parte de atrás (ri)... Dicir que é un espectáculo para toda a familia; cónstame que unha cativa de cinco anos desfrutou da obra.

—O verso clásico require complexidade?

—É actuar cunha partitura rítmica na palabra. Hai unha estrutura versal que un ten que respectar, e se non tes coñecementos asusta, pero despois é un descubrimento fabuloso. É unha técnica que hai que dominar pero o verso clásico é marabilloso.

—Esta obra é un dos maiores retos aos que te estás enfrontando profesionalmente?

—Sen dúbida. Unha obra de teatro sempre é un reto descomunal pero aquí enfrontámonos a varias disciplinas: un exercicio de interpretación, o verso clásico, cantamos ao ter todos números musicais, eu toco tamén a guitarra e o baixo... É o reto máis grande ao que me enfrontei ata o momento.

—As representacións rematarán no próximo xuño pero, xa hai máis proxectos teatrais agardando?

—Hai un proxecto que me parece fascinante que o teño encima da mesa e espero que teña saída, tamén algún tema de audiovisual que podería ter encaixe.