Avelino González, o artista de Bustelo

xaime pichel LALÍN

DEZA

Cedida

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cara o ano 1954, un grupo de mozos de Bustelo de Lebozán, marcharon a León con apenas 14 anos a facer casas. Non equivocarse con este dato, para entender isto, temos que por o reloxo en hora e graduar os lentes conforme aos costumes daquela época, non aos de hoxe. Por aquel entón, estes mozos xa eran expertos da supervivencia na Galicia rural, pois participaban en labores como a de facer un carro, un arado ou unha casa dende moi corta idade. Según medraban, ían incorporándose as labores da aldea, empapándose da sabiduría que lle transmitían pais e veciños no transcorrer diario da vida, mediante a tradición oral. Isto supoñía que paralelamente, tamén tiñan a madurez suficiente e necesaria para afrontar o coidado e manexo dos animais, ou as labores que a terra precisaba para transformar ese esforzo no sustento de todo o ano para a familia. A veciñanza axudábase mutuamente nos traballos mais duros e importantes, compartindo cansazo e coñecemento para sobrevivir e evolucionar, pois daquelas, a maquinaria escaseaba ou simplemente non existía, e as aldeas facíanse a si mesmas co suor dos veciños. É curioso ver como se construía con criterio e sabiduría, atendendo as condicións climáticas, a funcionalidade, e a sostenibilidade, adaptándose aos recursos existentes sen desmerecer a calidade dos materiais, nin a beleza dos conxuntos arquitectónicos resultantes, que en moitos casos, hoxe en día podemos apreciar e disfrutar.

Esta aclaración, convén explicala ordenadamente, para reflectir a predisposición, o tono físico, e a destreza no manexo de ferramentas que, a ben seguro, posuían estes mozos cando emprenderon viaxe para terras alleas, buscando o inicio das súas aspiracións existenciais no camiño da vida.

Con todo este caldo de cultivo, fraguouse un deles: Don Avelino González Ramos, fillo de Manuel e Mercedes, para converterse, moitos anos despois, nun fenomenal canteiro.

Avelino, home autodidacta e discreto, pero con inquedanzas mais superiores, tomou como sustento principal, esa infalible cátedra paterna, para deixar evolucionar as súas cualidades, converténdose tamén en escultor e pintor. Avelino estivo sempre atento ao que o mundo lle podía ensinar, para que o seu maxín de artista seguira adquirindo ferramentas que lle axudaran a materializar o ideario que discorría pola súa mente, e plasmalo en diversas obras que ía levando a cabo. Traballou por encarga en proxectos determinados e deu clase no obradoiro de emprego do Concello de Lalín, pero fundamentalmente, disfrutaba da súa obra en privado, traballando nese espazo onírico que te aisla do mundanal ruído, e facendo traballos coma o retablo da igrexa de Santiago de Lebozán, para disfrute dos seus veciños e de calquera visitante que se preste. Non era un ermitán, todo o contrario, recibíate na súa casa con agarimo e hospitalidade, facéndoche unha miniexcursión explicativa do seu traballo. Sen gardarse nada, era apaixonado no discurso de como traballar a pedra, para que a sabiduría e o legado dos nosos devanceiros non se perdera, transmitindo o seu ideario, contestando ás inquedanzas, e disfrutando de ser escoitado.

De toda a súa obra, a mais importante foi a que levou a cabo da man da súa dona Virginia Barreiro, que deu como resultado o nacemento de sete fillos: cinco mulleres e dous homes para ser mais precisos, e neles, sen ningunha dúbida, plasmaron entre os dous a beleza e a bondade dos bos e xenerosos.

Eu sempre digo que, como os fillos non pediron nacer, debemos facernos cargo deles ata que se valgan por si sós, cuestión indiscutible para entender que Virginia e Avelino tiñan que sacar unha familia adiante, e isto require de grandes cualidades, aparte nómina e disposición de facer a maleta se é preciso, como así fixeron. Deste modo Avelino traballou en importantes empresas de construción no País Vasco e Andorra entre outros lugares, dando preferencia a súa obriga como pai sobre as súas paixóns artísticas que permaneceron nun plano secundario durante longos períodos de tempo. De feito, residindo no País Vasco, é cando aflora a súa faceta de pintor.

Sería nos seus últimos anos en activo, xunto ca xubilación, cando mais disfrutou da pedra e das súas posibilidades interpretativas emerxendo o escultor máis creativo.

Avelino finou na ponte da constitución deste ano 2021, e con el foise outro dos albaceas da sabiduría popular da Galicia rural. Con el vanse tantas cousas como se teñen ido máis veces con outras persoas que albergaban o coñecemento que a transmisión oral foi regalando de xeración en xeración. O seu fillo Abel colleu parcialmente a testemuña pero este último, como é normal, xa ten o seu propio camiño que percorrer. É un feito relevante, que algo do aprendido con seu pai, vaille servir de ferramenta para sortear algún obstáculo da vida.

Grazas Avelino por todo, porque anque o ser humano non é infalible, e temos virtudes e miserias que nos alegran ou nos atormentan, ti demostráchesnos que todos temos tempo para desenrolar o ciclo vital como criaturas que pasamos polo mundo, e ademais, contribuír a exaltar o mellor que poden dar de si as persoas, sendo un bo samaritano cando toca, ou adornando a vida cas túas esculturas e co teu pincel. Vai facendo unha balaustrada de pedra para non saírnos da senda, se algún día temos que ir petar a esa porta. Bustelo perdeu o seu artista, pero o ceo, xa está cambiando de cor.