Os estradenses Xosé Lueiro e Sara Valcárcel publican a dúo o seu primeiro álbum ilustrado

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

Titúlase «O ladrón de paraugas» e acaba de chegar ás librarías

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A editorial Galaxia acaba de lanzar á rúa o álbum ilustrado O ladrón de paraugas. É a última publicación do estradense Xosé Lueiro, que xa tiña publicadas varias obras de teatro e de poesía e un libro-disco infantil titulado Canto lo que hago. Desta volta, Lueiro, que tamén é director da Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE), debuta no xénero do álbum ilustrado infantil, un campo no que se sinte cómodo e que lle permite dar saída á súa imaxinación.

O ladrón de paraugas é un álbum para a cativada que conta a historia de Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, que quere saber de que cor é o vento. Para descubrilo emprenderá unha fantástica viaxe, collido á empuñadura dun paraugas, onde dará resposta ao seu misterio.

«A min gústame que os meus libros infantiles sirvan tamén para traballar os valores, así que sempre teñen varias mensaxes potentes como pano de fondo», explica Lueiro. «Neste caso son a igualdade de xénero, os conflitos bélicos ou os conflitos familiares», avanza o autor. «É unha historia pequena e simple sobre a curiosidade infantil. A estrutura é a clásica do conto infantil, cun personaxe se fai unha pregunta e vive unha serie de peripecias ata que consegue darlle resposta. Pero tamén ten algunhas novidades. A idea é que o libro sirva para traballar con el os valores nos colexios», comenta.

Nesta nova aventura editorial, Lueiro vai da man da ilustradora estradense Sara Valcárcel, autora dos coloridos debuxos que iluminan o texto. Para Valcárcel —que xa ten ilustrado algunha publicación e que ten a súa propia marca de artigos de deseño, Noaltodopoleiro— esta é tamén a primeira incursión no mundo do álbum ilustrado infantil.

Presentación o día 1

O libro, que xa está chegando ás librarías, presentarase o próximo mércores ás 20.30 horas no teatro Principal da Estrada.