A aldea lalinense de Codeseda vístese de novo de Navidad para recibir aos visitantes

manuel blanco villar LALÍN

DEZA

Cedida

Dende o día 8 ao Día de Reis poderánse visitar numerosos beléns de diferentes estilos e un mercado artesanal

24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Debido ao gran éxito acadado nos dous últimos anos,  con máis de 3000 visitas ao lugar de Codeseda no tempo do Nadal, en plena pandemia e no momento máis cru do inverno, este ano, organizaremos por terceira vez consecutiva o evento Unha aldea no Nadal no lugar de Codeseda, na parroquia lalinense de Doade, unha actividade singular e pioneira en Galicia, situada no mesmo corazón e centro xeográfico de Galicia, consistente na  dinamización integral dunha aldea no período comprendido entre os días 8 de decembro do 2021 e 6 de xaneiro do 2022, ambos inclusive.

Ademais da iluminación da totalidade das vivendas e da rúa principal da aldea con preto de 80.000 luces de todas cores e tamaños, contaremos cunha gran variedade expositiva de beléns artesanais de múltiples formas, elaborados con diverso material autóctono, todos eles visitables, espallados ao longo do lugar, situados nun pesebre, na sala de actividades do Museo e os de menor tamaño, no interior da Capela do Museo Casa do Patrón, convivindo coa exposición  permanente sobre relixiosidade e etnomedicina popular Líbranos do mal, unha mostra única no seu xénero en Galicia, que alberga habitualmente este orixinal edificio, que rememora a capelanía fundada no ano 1710 que tivo esta pequena aldea durante máis de 250 anos.

Mercado artesanal

Gozaremos ademais de mercado artesanal solidario con postos de varios xoves emprendedores da zona, así como entidades de protección social, dedicadas ao apoio de persoas con diversidade funcional, como Cogami e En Morea, actividades para nenos, obradoiros  e actuacións musicais ao aire libre baixo carpa, nas tardes dos domingos comprendidos no evento, dun xeito totalmente libre e gratuíto, apto para todos os públicos, sen máis limitacións que as impostas polas restricións sanitarias co gallo da pandemia, segundo o programa xenérico publicado a tal fin.

Un ano prolífico

O Museo Etnográfico Casa do Patrón ponlle así o broche de ouro a este ano 2021, cheo de retos, dificultades e traballos, pero tamén de novas actividades, ampliacións e melloras substanciais do seu contido, que o fan aínda máis atractivo, se cabe, converténdose, sen dúbida algunha, no gran ecomuseo das exposicións sobre o patrimonio material e inmaterial, numerosos obradoiros, actividades e  gastronomía tradicional propios do mundo rural galego, complementado con rutas de sendeirismo, un área fluvial de natureza, cultura e lecer, así como unha aldea rural totalmente restaurada, asolagada por unha formidable paisaxe natural, tendo tamén no seu haber 16 libros e 5 vídeos editados.