Estudou. Anima. «No eido educativo danlle moi pouco valor á rama artística»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

CEDIDA

Forma parte de Amorodio Teatro, que está estreando a obra «Reino de Extinción»

09 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estudou. Fixo interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Realizou tamén cursos de interpretación en Voz Audiovisual, na Escola de Teatro Pábulo e en Buenafuentes?s Actors.

Anima. A loitar polas ilusións e aposta por arriscar, aínda con fracaso, a non facelo.

A parte interpretativa de Carmen García Facorro (Larazo, Vila de Cruces); coñecida artisticamente como Carmen Facorro, foi medrando nas saídas ao porral que facía coa súa avoa. Atrás queda unha infancia e adolescencia preñada dos cheiros do rural e da terra, unha carreira «que era unha carga diaria», e a marabillosa chegada ao eido da interpretación. Pero para chegar aquí foron necesarios varios anos.

-Ou sexa que nena do rural con ansias interpretativas?

-Si (risas). Como digo eu pasei toda a miña nenez e adolescencia entre terra, animais e hortalizas. A miña parte interpretativa saíu á luz cada día que ía á horta coa miña avoa de pequena. Alí cantaba e interpretaba personaxes entre as leitugas e os tomates. Sentíame libre de ser o que eu quería ser. Pero tristemente, penso que no rural temos máis dificultades para acceder á cultura e isto é algo que sempre levo moi presente, e dáme moita mágoa. A maiores, no eido educativo danlle moi pouco valor á rama artística. Así que eu saín do instituto sen tan sequera ver a interpretación como unha posibilidade laboral. Foi xa vivindo en Santiago, estudando algo que para min era unha carga diaria, cando decidín buscar unha escola de teatro para poder así, dalgunha maneira, volver a encontrarme comigo mesma.

-Abriu o camiño interpretativo na familia?

-Si. Son a primeira persoa dentro da familia que se adica á rama artística. Creo que a presión de «estuda algo que teña saída», ou «diso non podes vivir» axudou a que non houbese máis artistas na familia. Eu só espero que nas xeracións vindeiras a presión sexa menos e que cada un decida e intente ser o que realmente quere ser.

-Despois desa reacción primeira, houbo apoio?

-Mentiría se dixera que nun primeiro momento estaban dacordo coa decisión de dedicarme á interpretación. Creo que co paso do tempo, e ver que isto realmente é o que me fai feliz axudou a que meus pais e miña irmán me apoien actualmente nas miñas andainas profesionais. Sentinme moi arroupada e apoiada por todo o entorno familiar, tanto na creación da compañía como na estrea en Vigo. Son unha afortunada coa familia que me tocou.

-Fala da compañía que se chama Amorodio Teatro. Como naceu?

-Xurde da unión de catro compañeiros da ESAD Galicia: Alba Nogueira, Javier Castiñeira, Raquel Velasco e eu. A finais do ano pasado estábamos falando do noso futuro profesional, sobre Galicia e xurdiunos a idea de crear unha compañía para poder expresar as nosas inquietudes e intentar poder vivir do que realmente nos enche desde a nosa terra. Buscamos falar sobre o que lle preocupa á nosa xeración ou sobre o que nos preocupa a nós como individuos, libremente. Tamén considero que xurde de querer crear cultura, na nosa terra, poder achegar a cultura a todos os recunchos de Galicia dunha maneira lúdica. Por iso na nosa primeira peza teatral apostamos pola comedia ou pola retranca, algo tan característico dos galegos e galegas.

-Recen se estreou na cidade olívica «Reino de Extinción». Que narra a peza?

-Esta obra é unha comedia na que os protagonistas son catro persoas de diferentes épocas da historia galega. Estas, forzadas a vivir no Alén, poñen a proba a idea do que significa ser galego ou galega, vivir en Galicia e falar a nosa lingua. Unha muller da prehistoria, unha dama medieval, un mariñeiro do século XVIII e unha moza do 2045 móstrannos a súa perspectiva da época na que vivían, dende o humor e a retranca.