Aida Vilariño: «O tempo condiciónao todo, dende a vida social ata a laboral»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Protagoniza vídeos curtos sobre temas actuais ou atemporais no espazo televisivo

02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cursos. Ao rematar a carreira fixo un curso de xestión de eventos de moda e protocolo da revista Elle.

Bolsa Nacho Mirás. Con compañeiras da CRTVG e da Universidade, gañaron a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis e traballan na creación dunha revista dixital, Acousa.

Quería ser xornalista e especializarse no campo deportivo. Xornalista éo, pero as crónicas deportivas terán que esperar, polo menos por agora. Aida Vilariño García, nada en Lalín pero residente en Silleda a onde se mudou con tres anos, tivo claro a raíz do mundial do 2010 o que quería estudar: xornalismo. A familia era coñecedora da súa decisión; «sabían cal sería a miña elección despois da selectividade, e algúns intentaron quitarmo da cabeza aludindo á falta de saídas e que mellor estudara dereito ou veterinaria». Aida só escoitou o seu interior e fíxose xornalista; «algo rebelde si que son», sentencia a xove bolseira do departamento do Tempo da TVG.

-Como aterras no Tempo?

-Foi en febreiro do ano 2021 despois dunha intensa busca de Feugas en calquera punto de Galicia. En novembro do ano anterior atopeime cun título pero cero oportunidades en emprego, ou máis ben, sen saber onde buscar. Actualizaba a diario a páxina de Feuga apuntándome a todo o que saíra pola Coruña, Lugo, Vigo, Ourense... dábame exactamente igual o sitio. En novembro foi cando me chegou a oportunidade de facer as probas para entrar na CRTVG. Non contaba pero fun seleccionada, pero para aquel entón estaba rematando o traballo de Fin de Grao e non puiden empezar ata febreiro. En principio dixéranme que ía para a Radio Galega, pero no último momento decidiron que ancaixaría mellor no departamento do Tempo, e aquí estou!

-En Galicia Santiago Pemán seguirá sendo «O home do tempo». Tíñalo como referente?

-Os meus amigos rinse, pero o certo é que eu era das que odiaba a materia de xeografía no instituto (risas). Non se me daban nada ben os mapas do tempo, non sabía interpretalos e cheguei a collerlles mesmo manía. E mira agora! Polo tanto non podo dicir que tivera referentes... O certo é que non sentía interese pola meteoroloxía e agora non deixo de falar dela. Só me faltaba a información necesaria para comprendela. E iso é o que intento facer cos vídeos, que é transmitir conceptos dun xeito simple para que todo o mundo poida entendelos e interesarse máis por un ámbito algo complexo, pero moi interesante e necesario.

-Que importancia ten pois o tempo na nosa sociedade?

-O tempo condiciónao todo, dende a vida social ata a laboral. Por poñer un exemplo, agora durante a pandemia só se podía tomar algo nas terrazas e se chovía a xente prefería quedar na casa, polo tanto menos socialización ou ao revés, xúntanse na casa e quizais repunten os contaxios. E xa non falo só do lecer, tamén están os cultivos... non hai moito a sarabiada esnaquizou moita uva na Ribeira Sacra. Quero dicir con isto que antes de entrar no departamento do Tempo quizais non tiña tan presente todo isto e só me preocupaba por levar paraugas en día de chuvia.

-Entón estamos moi pendentes deste tipo de información?

-Si. Non era consciente da cantidade de persoas que ven o tempo porque a tendencia xeralizada entre a xente da miña idade é mirar a previsión a través de aplicacións do móbil e non na televisión. Agora, ás veces miro as audiencias e sorpréndenme (sorriso).

-Os prognósticos terán as súas complexidades. Que é o máis difícil de prognosticar?

-Diría que os chuvascos treboentos. Nunca se sabe onde van caer. Non é coma unha fronte que sabes que trae auga e por onde vai pasar. Moita xente fíxase só nos mapas e ao ver unha nube con catro gotas pensa que choverá moitísimo, e en realidade trátase de chuvascos. Vamos que pode chover no Pontiñas e en Goiás nin unha gota, por exemplo.

«Pensei que este ámbito non xeraba crispación pero equivoqueime. Hai moitas críticas»

No departamento do Tempo da TVG o volume de traballo fai que non se adoite coller chamadas telefónicas, comenta Aida.

-Entre facer mapas, vídeos e as tarefas do día a día non queda moito oco para respostar a todo o mundo, pero algúns chaman para preguntar por algunha cuestión concreta relacionada cun determinado evento ao aire libre.

-Depéndese dunha previsión para infinidade de cuestións. A xente do rural é a máis preocupada?

-Creo que xera preocupación en todos lados. A xente quere que saia a súa localización, da igual onde sexa. Esta semana recibimos unha chamada dunha persoa que se queixaba de que nunca falábamos de Vigo.

-Hai críticas entón.

-Moitísimas! Cando me dixeron que ía formar parte deste departamento alegreime porque cría que era un ámbito que non xeraba moita crispación. Equivocábame. Se pos mal un concello ou un apelido, estás morto (risas).

-Horas de traballo detrás duns minutos de directo.

-No meu caso algo máis que no de Diego (Viaño), Mabel (Montes) e Noelia (Rodríguez) que teñen máis mecanizado o proceso. Adoitan mirar os modelos, Americano e Europeo, contrastan con Meteogalicia e de aí sacan a previsión. Logo facer os mapas, renderizalos -que é algo así como exportalos- e envialos a grafismo para metelos en emisión.

-Que procuras nos vídeos?

-Temas de actualidade, en ocasións os compañeiros fan aportacións e sempre estamos abertos a suxestións. Trato de explicalos dun xeito simple, para que o entenda todo o mundo, e para entendelo eu mesma (risas).

-Como será o outono en Deza?

-(Risas). Tivemos o verán de San Miguel e agora xa se verá... Non quero crearlle falsas ilusións aos lectores (risas).