Primeiros espadas dos fogóns da provincia reinterpretan o receitario das irmás Mendoza

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

DEZA

Ramón Leiro

A Deputación conmemora o Día Mundial do Turismo cunha homenaxe aos diferentes sectores que conforman esta industria

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo de Pontevedra garda celosamente o receitario das irmás Mendoza, Concha e María, sobriña-netas do contralmirante Casto Méndez Núñez. Así o recordou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao presentar o showcooking de cociña en directo co que celebrou o Día Internacional do Turismo, ao tempo que recordou que a entidade cultural garda cinco cadernos de receitas das antigas propietarias do Palacete que leva o seu nome e que é a sede de Turismo Rías Baixas. A cita foi toda unha homenaxe aos diferentes sectores, dende axencias de viaxes ata promotores de festivais musicais, que conforman unha industria das que «máis padeceu durante a pandemia».

Neste sentido, Silva quixo recordar que «somos o destino turístico máis potente de toda Galicia e un dos máis potentes de todo o Estado», algo que se mostrou convencida de que ten que ver cun «sector privado moi potente, que arrisca, que é moi serio, que aposta pola calidade, que non se rendeu durante este terrible tempo de pandemia». Deste xeito, o showcooking foi un recoñecemento a todos eses sectores, pero tamén aos produtores. A fin de contas, «temos o mellor produto do mundo».

Participación de Deza

«Sodes imprescindibles», engadiu a presidenta da Deputación de Pontevedra antes de dar paso a demostración de cociña en directo. Iago Pazos, do Loxe Mareiro de Vilagarcía, elaborou o cup condesa, mentres que Natalia Guzmán, de O Refuxio de Merza (Vila de Cruces) fixo unha sopa de hortalizas. O pontevedrés Iñaki Bretal (Eirado da Leña) preparou unha pescada en salsa; Elisa, de Mamá Lela (Cerdedo-Cotobade) reinterpretou o lomo con pementos e José Bertolo, de Casa Solla (Poio) sorprendeu cun biscoito de chocolate palacio nunha xornada na que tamén participou a sumiller Carlota Iglesias, del restaurante lalinense Cabanas.

Na súa intervención, Carmela Silva aludiu, de igual modo, as cifras e estatísticas de ocupación rexistradas nos meses de xullo e agosto, datos que a levaron a remarca que o turismo en Pontevedra ten «un enorme presente, pero un moito máis enorme futuro». Por iso, efeméride como a de onte contribúen a «celebrar a un sector turístico que é fundamental na nosa economía, que nos ten convertido nunha gran referencia a nivel nacional e internacional».