Manuel López gaña o Avelina Valladares de poesía

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A obra «Para que non se me esqueza» foi escollida entre 24 poemarios e será publicada por Fervenza

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Manuel López Rodríguez (Noia, 1978) acaba de proclamarse vencedor da vixésimo quinta edición do premio de poesía Avelina Valladares. O xurado -integrado por Rosalía Morlán, Sindo Villamayor, Neves Soutelo e Esteban Folgar, con Noni Araújo como secretaria- destacou a alta calidade «de case todos os poemarios presentados» e a «ardua deliberación ata chegar ao consenso».

Nunha edición na que se presentaron 24 poemarios, o traballo gañador foi para a obra Para que non se me esqueza, presentada baixo o lema A que escribe no mantel. Detrás deste poemario no que a voz lírica é feminina agóchase Manuel L. Rodrígues. Así é como asina este autor noiés que xa leva colleitados moitos premios e que ten tamén varios libros publicados.

O xurado destacou a sólida construción do poemario, con tres partes diferenciadas e un fío integrador. Tamén o rico emprego dos recursos poéticos, o bo estilo lírico e a estrutura, con cada poema precedido por un diálogo imaxinario con un poeta. O poemario toca un amplo abano temático, sempre desde o punto de vista dunha muller.

Publicación e entrega

A obra será publicada por Edicións Fervenza. O premio será entregado cara finais de novembro ou principios de decembro. Se a crise sanitaria o permite a entrega farase no marco da Festa da Poesía, que se tentará recuperar este ano tralo paréntese obrigado polo coronavirus.