-Como vai mudando a arquitectura nas diferentes comarcas?
-Este Camiño comprende 235 kilómetros en Galicia e imos pasando por diversas paisaxes naturais e arquitectónicas. Nas etapas que pasan por Valdeorras ou Quiroga destaca a pizarra nas edificacións. O río Sil no seu paso por Sobradelo vai encaixado a pedras de pizarra, algo moi chamativo. Cando chegamos á zona do Deza o que destaca é o granito, as edificacións son totalmente diferentes polo que se aprecian moito os materiais e o estilo. Na zonas resaltan os hórreos, as fontes, as eiras ou os balados. Preto de Rodeiro incluso hai algunha mina de pedra que segue en explotación. Polo que podemos ver como vai mudando a paisaxe arquitectónica nas diversas comarcas galegas.
-Que destacaría da paisaxe das comarcas da zona?
-A comarca do Deza ten unha construción granítica, algo que chama moito a atención. Hai edificacións moi bonitas e unha paisaxe que lle encanta aos peregrinos. Gustan moito os prados verdes ou as pontes de pedra como a do río Arnego, que é do século XII. Pola zona de Lalín destaca o Pazo de Liñares ou o de Bendoiro. Ademais, o tramo do Camiño que pasa pola zona vén por unhas sendas que fan un arco coas diversas árbores. Algo que tamén axuda aos peregrinos é o escaso asfalto, xa que a maioría da ruta pasa por sendas e é moito máis levadeiro e bonito de ver.