Pancho Pillado In Memoriam

Xosé Luna ESCRITOR

DEZA

13 ago 2021 . Actualizado a las 21:57 h.

Zoa tristeiro o vento de Elsinor mais na estrada da vida o Sol, capitán redondo, quenta alá arriba no Ceo.

Fóisenos Francisco Pillado Maior, un dos intelectuais fundamentais da cultura galega contemporánea. Toda unha vida de loita, re(existencia), esperanza, liberdade e memoria.

O neno que ficou ferido para sempre pola beleza lorquiana, «por el cielo va la luna con un niño de la mano». O home que gustaba de recuncar, unha e outra vez, nos clásicos. Que non acreditaba nas emocións «prefabricadas», nin nas «bombas intelixentes», nin nos «bombardeos humanitarios», nin nos «danos colaterais». O melómano que gustaba do divino Beethoven. O intelectual que sempre optou por «popularizar o elitismo» e por combater a vulgaridade. O humanista que sempre nos lembraba que «debemos ser realistas e pedir o imposíbel». O home que sempre subliñaba que o seu principal patrimonio é a súa paisaxe sentimental e afectiva. Sen dúbida, unha das mentes máis lúcidas do país.