Mans e flores estradenses para crear as xoias da arte efémera de Galicia

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

A asociación estará integrada na Federación Galega de Alfombristas

31 jul 2021 . Actualizado a las 16:17 h.

Con motivo da celebración do Apóstolo e do día de Galicia, as rúas do casco vello de Santiago amenceron cheos de espectaculares mantos florais que decoraban os accesos á catedral. Obras de arte efémero que a Federación Galega de Alfombrismo leva realizando anos por toda Galicia - e outras partes do mundo-, e que contan coa colaboración de mans e flores estradenses para a súa confección. De feito, o propio vicepresidente da federación é da Estrada, Carlos Henrique Fernández Coto, ademais de algún membro máis coma Oswaldo Mouriño e a súa muller Rocío Romero, que agora pretenden crear na vila unha asociación de alfombristas na que poder traballar e compartir experiencias cos veciños.

O alfombrismo non é unha moda recente nin pasaxeira. Dende a federación impulsaron un informe sobre o tema realizado pola arqueóloga Ana Filgueiras, que chegou á conclusión de que esta tradición mantense en Galicia, alomenos dende o ano 1323. Case setecentos anos nos que os galegos realizan o que se iniciou como un rito ao agro, un xeito de agradecer as boas colleitas con elementos que podemos atopar dando un paseo. Precisamente, a facilidade para conseguir as flores e materiais para a realización das alfombras, fai que A Estrada sexa un lugar destacado pola súa riqueza natural. «As nosas terras dannos a materia prima. Na nosa aldea fixemos unha pequena representación recollendo o que atopabamos nun paseo polo monte», asegura Oswaldo.

Estes ingredientes e un crecente interés na vila, permitiron sementar a creación dunha asociación local. «Aínda non está constituída, de momento somos colaboradores da galega, participando en exposicións en Área Central, no Apóstolo, no Corpus, ou na Ribeira Sacra», explica. O obxectivo deste grupo de estradenses é conseguir un local para poder traballar e gardar os materiais. Para isto están valorando la posibilidade de achegarse ao Concello para falar co alcalde e presentar o proxecto para «vincular sinerxías», sinala.

No caso de Oswaldo e a súa muller Rocío, esta paixón é algo relativamente recente. Aínda que levan dez anos interesados neste mundo, fai pouco máis de un ano que colaboran coa federación. «Nós aínda estamos aprendendo, hai unha gran cantidade de materiais ademais das flores coma cunchas ou serraduras, e moi laborioso, un queda abraiado co traballo que da facer unha alfombra», relata. Porén, ambos atopan a paz e tranquilidade con este proceso creativo, aliciente que os enganchou. «Ofrece relaxación e desconexión, céntraste unicamente no que tes diante. O que si, é que poden aparecer maniotas de estar tanto tempo axeonllado», confesa entre risas.

A federación galega tamén forma parte da coordinadora internacional, polo que, se a pandemia o permite, poderán participar no futuro en eventos noutros países como México, Italia ou a India. De feito, tiñan previsto viaxar a Xapón con motivo dos Xogos Olímpicos.

Pero isto non é un mero entretemento. «Estamos traballando para que se declare o alfombrismo en Galicia como BIC (Ben de Interese Cultural), tal e como xa ocorre en Cataluña. Esta é unha arte moi antiga na nosa terra e vai moi ligada as nosas tradicións como pobo», lembra Carlos Henrique Fernández, que sinala que levan moito tempo loitando para que se declare Patrimonio Inmaterial da humanidade pola UNESCO.