O programa FalaRedes 2021 realizará nas comarcas de Deza e Tabeirós seis actividades para dinamizar o galego

La Voz A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

31 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou unha nova edición do programa de dinamización lingüística, FalaRedes 2021, que por décimo ano consecutivo chega aos municipios e entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta con máis de 180 pases e 30 actividades.

En total, ata finais de agosto, o FalaRedes repartirá máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades. adscritas á RDL. Delas, once están destinadas a un público infantil e familiar que abrangue dende os máis cativos, bebés e de 0 a 3 anos, ata adolescentes. Tamén haberá espectáculos musicais, de maxia, monicreques ou actuacións teatrais.

Este programa poderase gozar nalgúns concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, que terán sete actividades nas poderán participar todos os públicos.

O 18 de setembro ás 19.00 horas arrinca esta mostra de dinamización da lingua galega na Fundación Paco Lareo de Piloño (Vila de Cruces) coas proxeccións audiovisuais documentais dirixidas por Beatriz Pereira, Xela Arias, poeta nas marxes, e o posterior coloquio sobre a obra. Este mesmo retrato da premiada polo Día das Letras Galegas 2021 tamén se proxectará no Centro Cultural de Cerdedo ás 18.00 horas e nos Minicines Central da Estrada arredor das 21.00 horas.

O 29 de agosto as 19.00 será en Lalín, na Praza da Igrexa, onde terá lugar Rilla, rilla, un espectáculo dinámico onde o público será o protagonista dende o primeiro intre. Tamén na capital de Deza actuará a compañía de teatro Ghazafellos cunha divertida proposta para público familiar con A máquina do tempo.

A Praza do Mercado da Estrada acollerá o 17 de setembro ás 20.30 horas o monólogo humorístico de Pepe Suevos, Falade Galego, rapazada. Suevos creou este monólogo a partir da súa propia experiencia para animar aos millenials a empregar a lingua propia de Galicia en todas as situacións da súa vida.

Por último, o artista lalinense, Luchi Iglesias, participará como protagonista do espectáculo A eira do paporrubio. Una actividade con monicreques, música e tradición oral que terá lugar en Santiago, Brión e O Porriño.