Alberto Lema Suárez gaña o premio de novela Manuel García Barros

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

«Pazo de inverno» oi elixida entre as 41 obras que se presentaron ao concurso

23 jul 2021 . Actualizado a las 00:29 h.

A XXIII edición do premio de novela Manuel García Barros da Estrada xa ten gañador. O escritor Alberto Lema Suárez (Vimianzo, 1975) converteuse coa súa obra Pazo de inverno no gran triunfador deste certame literario que co paso do tempo aumenta a súa popularidade e prestixio, exemplificado á perfección este ano coa consecución do récord de propostas presentadas, que sumaron un total de 41, lonxe da trintena habitual das anteriores edicións, motivo para a esperanza no que respecta á saude e o interese pola literatura galega nestes tempos.

Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro completaron o xurado que seleccionou esta novela sobre intrigas de poder na política, no xornalismo e no mundo empresarial, como a máis destacada, premiando ao escritor cun importe de 9.000 euros que se entregará a principios de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.

Este galardón recae este ano nun escritor que conta cunha ampla traxectoria no eido editorial, onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan. Tamén ten unha recoñecida bagaxe nas novelas, destacando Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que gañou o premio literario Ánxel Casal. Un currículo que tamén axuda a valorar a importancia do premio García Barros, no que non só atopamos traballos de escritores noveles ou de enorme potencial, senón tamén autores que acumulan recoñecementos e unha carreira de certo pouso no ámbito novelístico de Galicia.

O xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas loitas de poder e os fíos que se tecen entre política, xornalismo e esferas empresariais, achegando ao lector sen pretendelo a un retrato dun período político moi recente na historia galega. Outro dos elementos a destacar polos membros do xurado foi «a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración», que segundo afirman «fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo o tempo».

Tamén destacan que se trata dunha «obra coral», na que todos os personaxes teñen un papel fundamental para o desenvolvemento da obra. Para o investigador, profesor da USC e crítico literario, Armando Requeixo, esta trátase dunha lectura «en clave sociolóxica e sociopolítica dos nosos tempos, localizada nunha cidade galega que parece ser un trasunto da cidade da Coruña pero que pode ser calquera cidade galega, porque o que se nos conta son as loitas xordas polo poder que son o que podemos vincular a vivenzas da cidadanía coas forzas vivas da sociedade», asegura Requeixo.