«O Naranxo foi un personaxe que acompañou a miña nenez»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Inma Vilariño presenta mañá no Pazo de Liñares o seu primeiro traballo, prologado por Manuel Gago e ilustracións de Amalia López

18 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Participar nun obradoiro de novela, celebrado na Cidade da Cultura, nunha actividade organizada dende a Consellería de Cultura foi o empuxe que precisaba a xornalista lalinense Inma Vilariño para sacar á luz o seu primeiro traballo. Mañá, ás 12 horas no Pazo de Liñares, presenta «O Naranxo do Trasmundo», publicado por Edicións Fervenza.

-Escribe, é lectora asidua pero o primeiro libro fíxose esperar...

-Hai anos que quería publicar algo, fóra do que é a actividade profesional xornalística, e foi no ano 2019 no obradoiro de novela cando isto tomou corpo. Este traballo xurdiu como proxecto final do obradoiro. Presentei un borrador e, a partir de aí fun traballando, ensinándoo a distintas persoas... Houbo achegas e ánimos para que publicara...

-Un libro de relatos cun personaxe lalinense do que moitos escoitamos falar.

-Levaba anos matinando nesta idea de poñer algo por escrito e pareceume que O Naranxo, que foi un personaxe que acompañou a miña nenez coas historias orais que me contaron meus pais e avós, era o atinado aínda que xa foi escrito por Ramón de Valenzuela, Mario Pereira e Igrexas. O Naranxo estaba aí, e como ten referencia coa outra parte artística de Lalín como é a plástica de Laxeiro, semelloume significativo poñelo en valor con toda unha ristra de personaxes de Lalín e de Galicia.

-Adentrémonos na publicación.

-Pois ten dúas características básicas. O Naranxo é narrador en primeira persoa e contas as peripecias do Trasmundo; é dicir dende o outro lado, despois de morto, que é tamén unha homenaxe a dúas obras de Laxeiro, e dende alí achega a mirada ao mundo de aquí coma o de alá e atópase con personaxes de Lalín como Antón Lamazares, Sucasas e Emilia Pardo Bazán ou de distintos punto de Galicia como o Alemán de Camelle... Son personaxes cos que tento poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial. Ás veces non somos conscientes do noso e non llelo sabemos transmitir ás novas xeracións, que moitas delas seguro que nunca escoitaron falar de O Naranxo, por non dicir tamén o mesmo doutros persoeiros. Dalgún xeito pretendo que este libro sexa tamén didáctico.

-Que chegue a lectores mozos.

-Gustaríame que fose lido por mozos e tamén nos centros de ensino, e senón alomenos que os adultos collan referencias para transmitirllas aos máis novos, Hai incluso nesta obra un achegamento á mocidade no sentido de que O Naranxo emprega as novas tecnoloxías, le a prensa do Deza por Internet... Pretende ser unha chiscádela cara os máis novos.

-Coa obra lista, pensa nunha segunda publicación?

-(Sorriso). Levoume tempo facer esta obra e agora mesmo teño cuberta a miña arela. Nun futuro, xa se verá. Aproveito para agradecer a axuda da Consellería de Cultura e do seu titular Román Rodríguez, a ilustradora Amalia López Luchi, Manuel Núñez de Fervenza, Daniel González Alén, Charo Golmar, Manuel Gago, Xosé Manuel Varela, GSI e Restaurante Enxebre Porta do Sol.