Juan Rivadulla: «A xente pregunta máis ca nunca polas viaxes, pero hai poucas vendas»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Galicia, Canarias, Baleares e a costa española son os destinos predilectos

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O estradense Juan Antonio Rivadulla Fernández é o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes. É a cara visible dun sector asfixiado pola crise coma ningún otro.

-Vai recuperando algo o sector?

-Como partimos de menos cero... Desde o 14 de marzo do ano pasado non se vendeu nada ata hai pouco. No 2021, comparando co 2019, antes da pandemia, do 1 de xaneiro ao 30 de xuño a caída de vendas é do 90 %. As vendas son practicamente cero.

-Axudou o levantamento do estado de alarma?

-Desde o 9 de maio a afluencia de xente ás axencias é moito maior, pero iso aínda non se traduce en vendas. Todos temos ganas de viaxar. A xente vén e pregunta, facemos presupostos... pero tardan en concretarse as vendas. Que entre a xente xa é unha alegría. Desde mediados de maio ata hoxe as axencias estamos a tope de traballo. O tempo de atención por persoa subiu de xeito escandaloso porque se plantexan moitas dúbidas. Dáse a paradoxa de que hai traballo pero non ingresos, por iso debería haber axudas ao sector e replantexarse o tema dos ERTE e alongarse polo menos ata final de ano. Faiche falta xente para atender ao cliente, pero non hai ingresos. Iso noutros sectores non pasa. Na hostalería, se alguén vai tomar unha cervexa, tómaa e págaa. Se hai traballo hai ingresos. No noso non necesariamente.

-Que quere saber o cliente?

-Queren saber se hai que facer PCR ou test de antíxenos, canto tempo antes o teñen que facer, se teñen que facelo á volta... A situación é tan cambiante que a xente non se da posto ao día. Hoxe piden unha cousa e mañá outra, e cousas distintas segundo o destino. O venres pasado Boris Johnson dicía que os que veñen a España, á volta teñen que facer 10 días de corentena. Iso destrozou o turismo receptivo de España e Portugal. Houbo cancelacións masivas. Os que nos dedicamos tamén ao turismo receptivo sufrímolo. Estamos suxeitos a decisións políticas. A xente pregunta tamén máis que nunca polos seguros. Toda viaxe que vende unha axencia leva un seguro. Antes case ninguén pedía un seguro a maiores. Nin preguntaban por el. Agora pensan en un montón de circunstancias que poderían darse e queren ter todo asegurado. A cancelación, por exemplo, por se non puideran ir polo covid. Penso que isto axudou a valorar o servizo que ofrece unha axencia de viaxe fronte á venda por Internet. Unha axencia só ten ventaxas. Con Internet o problema chega cando chegan os problemas e ninguén se fai responsable. Todo o que nós vendemos é súper seguro.

-A onde quere viaxar este verán a xente?

-Hai unha ausencia total de demanda das grandes viaxes, dos grandes desprazamentos como China, Australia, Xapón, Norteamérica ou Arxentina. As contratacións son escasísimas. Tamén das lúas de mel, do viaxe estrela Safari+Sheychelles ou Caribe+Costa Rica ou Estados Unidos. Hoxe son viaxe moi complexos. Nós vendemos descanso, vacacións, relax... Poucos se aventuran a ir a Kenia ou Tanzania, cun 15 % de vacinación. Tamén baixou moito Europa. A xente busca voos directos e pouca complicación. Os galegos, sobre todo, buscan sol e praia. Moitos quedan en Galicia. Outros buscan Canarias, Baleares ou a costa española e algún Portugal, Madeira, Azores ou Cabo Verde. Algo de Caribe tamén, pero pouco.

-E despois do verán, que vai a pasar?

-Vai haber outro baixón. En xullo e agosto algo se venderá pero despois vén a que xa era temporada baixa. Todos queremos desestacionalizar o turismo, pero a realidade é que a temporada segue sendo do 1 de xullo ao 15 de setembro. E viaxes dos colexios non creo que haxa aínda. A ver se hai os do Imserso, pero parece que vai ser un inverno de pandemia aínda sen finalizar. Iso despois de ano e medio de baixada en picado. E ningún sector aguanta 18 meses de caída libre de ingresos. Precisamos axudas.