O Premio Arume de poesía para nenos suma xa 24 orixinais

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Gálix e Leite Noso colaboran coa Fundación Neira Vilas

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Neira Vilas recupera este ano o Premio Arume de Poesía para a Infancia cunha edición que conta co apoio de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e Leite Noso, comercializadora de Deleite como coorganizadores. O presidente da Fundación, Fernando Redondo Neira, expresou a ledicia de poder recuperar este certame único en Galicia posto en marcha por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas que tivo oito edicións, a derradeira no 2015, ano do pasamento de Neira Vilas. «É _dixo_unha débeda que tiñamos coa infancia lectora» resaltando que o público infantil «é o público natural de Anisia e Neira Vilas e o que tanta atención lle prestaron ao longo das súas vidas».

Ás portas da Fundación tivo lugar onte a presentación do premio que xa conta con 24 traballos inéditos presentados. Redondo Neira estivo acompañado, entre outros, polo presidente de Gálix, Xosé Antón Perozo e Pedro González Boquete, de Leite Noso. Perozo apuntou que da man de Pilar Sampedro «andabamos coa teima de facer un premio literario de poesía para rapaces» . González Boquete puxo o acento dun premio que «fai cultura dende as aldeas». O 25 de xullo darase a coñecer o gañador ou gañadora e a entrega terá lugar o 19 de outubro, Día das Escritoras, que a Fundación celebra dedicando a xornada a Anisia Miranda e moi próxima a data do pasamento da escritora, o 22 de outubro. O xurado estará composto por Xosé Antonio Perozo, presidente de Gálix, escritor e editor de literatura infantil; a escritora, poeta e secretaria da Fundación, Rosalía Morlán; María Jesús Fernández, tradutora e crítica de literatura infantil ; Manuel Figueiras, promotor, entre outros da Feira de Libro de Chantada e do Premio Rañolas e Pilar Sampedro, experta en literatura infantil, autora de diferentes biografías temáticas e coordinadora de guías de literatura infantil non discriminatoria.

Redondo Neira destacou que «é un perfil de persoas que coñecen a fondo o que é escribir para nenos». Lembrou que este ano se cumpren 60 anos de Memorias dun neno Labrego e por primeira vez o 3 de novembro, data de nacemento do escritor, celébrase o Día do Lector e que, apuntou Redondo, «nos ilusiona que teña en Gres este punto de referencia e que dende aquí irradie a toda Galicia». A Fundación agarda poder voltar a retomar actividades como os encontros con escritores «cando as cousas melloren algo máis. De momento, di, o Auditorio da Fundación non é acaído para poder manter distancias e reunir a moita xente pero non se descarta usar espazos ao aire libre como as Insuas de Gres para algunha actividade. Edicións Embora publicará o traballo galardoado.