Alba Cacheda: «O obxectivo non é descubrir a arte senón que eles sexan os creadores»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Usuarios de Medelo traballan nunha obra que representa a diversidade do Camiño

23 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É. Educadora, e interésalle a arte contemporánea como ferramenta de aprendizaxe e de transformación social. Realiza propostas de arte + educación de forma independente.

Traballou. En diferentes institucións en Galicia e Madrid dentro da súa traxectoria profesional.

Usuarios do centro de recursos que Cogami ten en Medelo (Silleda), case unha trintena de persoas, participan nun obradoiro artístico que lles imparten o artista plástico Misha Bies Golas e Alba Cacheda González (ambos lalinenses), pedagoga experta en mediación cultural; encargada da coordinación deste proxecto que se suma a outros que foron seleccionados en diferentes convocatorias públicas nacionais como: Resistències Artístiques e Altaveu, ambas do Consorci de Museus da Comunitat Valenciana ou na Beca Pilar Juncosa&Sotheby's, un proxecto de Educación Artística na que foi Mención Honorífica en dúas ocasións.

-Como xurde a posta en marcha deste obradoiro?

-A federación de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) de A Coruña convidoume a participar no proxecto que estaban ideando para os seus centros de Lugo, Medelo, Mos e Pontevedra. Son centros que están en diferentes Camiños de Santiago; rutas xacobeas que transcorren preto dos centros como é o Camiño Francés, o Sanabrés e o Portugués, e que non teñen relación entre eles. O que me expuxo a entidade foi conectalos a través da arte. Para rematar de articular a proposta seleccionei a tres artistas cos que traballar: Irene Grau, Carlos Maciá e Misha Bies Golas. A iniciativa está financiada a través da convocatoria O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e eu encargueime como coordinadora do proxecto desa selección dos artistas e son o nexo de unión entre eles e a entidade. Xunto con eles penso, e levo a cabo as actividades nos centros.

-Debullamos un chisco o proxecto?

-Pois é un proxecto de educación artística dirixido a persoas con discapacidade. Realízase nos centros mencionados anteriormente, a través dos obradoiros de vinte horas en cada un, conectados entre si. En Lugo traballamos con Carlos Maciá a partir da pintura e do corpo, en Medelo e Pontevedra facémolo a través da escultura e do teatro con Misha Bies Golas, e en Mos con Irene Grau a partir da idea de realizar unha obra conxunta de crecemento progresivo. As actividades complétanse cando chegan a cada centro, momento en que se implican os usuarios.

-Cal é a finalidade última?

-O proxecto desenvólvese a través de obradoiros semanais nos que participan usuarios, artistas, educadores que se queiran sumar e eu. Comezamos cada obradoiro facéndolles unha proposta aos usuarios, que vai logo tomando corpo ao longo da semana. A finalidade é o empoderamento das persoas con discapacidade e establecer unha relación entros todos os centros a través da súa participación e implicación no proxecto.

-Que papel desempeñades cada un de vós no programa?

-Os artistas máis eu pensamos xuntos como desenvolver os obradoiros e que neles se produzan aprendizaxes significativos. As persoas son as que toman as decisións últimas cando se implican nas propostas que lles facemos; valóranas, cámbianas e aportan ideas propias. Aquí ninguén é máis importante, senón que formamos un equipo. Así en Medelo estivemos traballando nunhas esculturas modeladas con materiais aportados polos propios usuarios da súa vida cotiá, valendo dende unha pedra do camiño á casa ata un obxecto con valor sentimental. O importante é que a obra final sexa en conxunto.

-Para os participantes supuxo descubrir o mundo da arte?

-A realidade é que algunhas persoas usuarias dos centros estaban familiarizadas coa arte e outras non, pero o obxectivo non é descubrir o mundo da arte senón que elas sexan as creadoras.

«Axudar a xerar pensamento crítico é agora máis importante que nunca»

A pandemia non trunca a ilusión coa que se leva a cabo o proxecto Caminarte, tanto por parte dos artífices do obradoiro coma dos propios usuarios dos centros de Cogami.

-En tempos estraños como os que estamos a vivir é necesario que iniciativas como esta sigan adiante, posto que axudan a xerar pensamento crítico, que é agora máis importante que nunca. Coa pandemia todo o proxecto mudou, e estamos traballando en grupos burbulla, con outros tempos que afectan á proposta tal e como a pensaramos ao inicio. Seguimos os protocolos sanitarios e adaptámonos ás medidas en cada un dos centros implicados.

-Cales son os primeiros froitos que se están recollendo?

-Observo que os participantes mostran moito interese e implícanse nas actividades, desenvolven a creatividade, traballan en equipo e danse conta de que son capaces todos de crear. Eses froitos son os máis importantes.

-Ao rematar, daranse a coñecer os resultados finais?

-Inicialmente o obxectivo era organizar un encontro para que os participantes puidesen compartir os resultados pero, dadas as circunstancias, a federación está repensando as formas para poder dar a coñecer os froitos da iniciativa.

-Botarán a andar iniciativas semellantes?

-Encantaríame. Está sendo unha experiencia magnífica e é moi importante que as institucións aposten por estas iniciativas.

-Proxectos persoais...

-Estou con varios á vez. Traballo nunha proposta que se chama La Merienda, de mediación con persoas maiores no Centre del Carme Cultura Contemporània de Valencia, e coa Fundación Didac de Santiago facemos un libro para crianzas sobre as exposicións, que verá a luz neste ano.