Ata sempre, querido Goris


En representación de todos os socios e amigos da Asociación de Turismo Rural, Natureza, Cultura e Ocio Ouro Verde e no meu propio nome, quero manifestar o noso máis profundo pesar polo triste pasamento do noso benquerido vicepresidente José Antonio Ramos Goris, propietario da Casa Goris de Merza (Vila de Cruces), un dos establecementos pioneiros do noso turismo rural, fundada hai xa 30 anos, así como expresar as nosas condolencias a súa familia, en tan dolorosos momentos.

Xunto coa súa dona, a base de moito esforzo, traballo e tesón, foi quen de manter a flote unha das casas rurais máis importantes da Comarca de Deza, superando as circunstancias máis adversas, dignificando esta profesión e facendo dela o seu medio de vida, cando case ninguén apostaba polo turismo, e menos aínda, no interior de Galicia.

Xente así é a que precisamos para o desenrolo integral deste xardín do Edén no que temos a fortuna de habitar. Pero por desgraza, agora só nos queda facer pública a nosa inmensa gratitude pola súa lealdade e espírito de colaboración, loitando polo turismo rural, a cultura, a natureza e o asociacionismo na nosa comarca, e gardar o mellor dos recordos dunha persoa tan profesional, colaboradora e conciliadora, como José Antonio Ramos Goris.

El, xunto con Antonio Ramos Vixide, da Casa Vixide, Carlos Cuñarro Balo , do Fogar de Breogán e Esther Iglesias Ferreiro, da Asociación de Montes de Zobra, foi un dos primeiros en apoiar de xeito incondicional a miña idea de constituír unha Asociación de ámbito comarcal na defensa destes valores fundamentais da nosa terra, manténdose como un dos piares deste colectivo dende a súa fundación fai xa máis de 12 anos ata o seu último día de vida.

Unha verdadeira honra e un privilexio

 

Foi unha verdadeira honra e todo un privilexio compartir tantas horas de proxectos e ilusións contigo, meu querido amigo, e aínda que todos nós botaremos de menos acotío a túa pícara mirada, o teu astuto sorriso, xunto a túa enorme experiencia, cordialidade e trato exquisito.

Alívianos o pensar que xa estarás instalado noutra dimensión, ofrecendo aos peregrinos a hospitalidade da túa nova morada, como sempre fixeches en vida na Casa Goris, a túa casa, a nosa casa, na que ninguén se sente forasteiro, porque non debemos esquecer que “a morte non é unha luz que se extingue, tan só é unha luz que se apaga porque acaba de saír o sol”.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Ata sempre, querido Goris