Deza: Medran as aportacións para África de Recycling e Miradas
O contedor, que será cargado o 9, partirá ao día seguinte
Lalín / la voz
Xa hai data para a saída do gran contedor de enseres, materiais e bicicletas cara a África impulsado pola Asociación Miradas al Mundo e Recycling: será o próximo 10 de decembro.
Detrás desta ampla recollida de diversos produtos está a oenegé Miradas al Mundo e a asociación sen ánimo de lucro Recycling Bicicletas Solidarias, que lidera o lalinense José Luis Pereira «Seixo», en colaboración coa súa muller e fillo. Nunhas instalacións cedidas temporalmente pola Deputación de Pontevedra en Mouriscade (Lalín) acubíllanse miles de quilos de pintura, azulexos, máquinas e utensilios agardando o eminente traslado; «sempre que a situación sanitaria o permita será o próximo día 10 de decembro e precisaremos para entón algunhas mans solidarias, non moitas tampouco pola pandemia, para cargar o contedor a xornada anterior», comenta Pereira.
As doazóns non paran de medrar e ás bicicletas doadas por particulares e recollidas en boa parte da comunidade galega, e postas a punto por José Luis Pereira, das que partirán algo máis dun cento para África sumándose 500.000 lapis que entregou a empresa Bic, 11.000 quilos de pintura procedentes de Barcelona ao que acaban de sumarse outros 7.000 quilos achegados por unha firma de Valencia. Roupa sen estrear, material escolar, azulexos e tarimas doadas por Bea Canda de Lalín, instrumental médico entre o que destaca unha esterilizadora e mesmo unha máquina para facer pozos tamén terán cabida no gran contedor que partirá de Lalín dentro duns días.
A todo iso hai que engadir as dúas recén chegadas placas solares e unha lámpada solar que irá destinada a algunha pequena escola. «Todo o que temos almacenado é dun grandísimo valor en África e permitirá mellorar a vida de moita xente, que é do que se trata e para o que traballa Miradas al Mundo e nós; aínda que no noso caso tamén facemos aportacións aos colectivos e concellos da contorna que nos piden a nosa axuda á hora de entregar algunha bicicleta a familias en risco de exclusión». Por outra parte tamén está previsto enviar no gran contedor solidario unhas 50.000 racións de comida deshidratada; «e algunhas unidades tamén pensamos en facelas chegar aquí a quen as poida precisar».
Comentarios