Descobertas máis serpes nas mámoas do Campo do Malato, en Goiás

daniel gonzález alén

DEZA

Daniel González Alén

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no ano 2005 os arqueólogos estudaron as tres mámoas que forman a necrópole do Campo do Malato na parroquia de Goiás, un dos esteos que formaba o cámara do dolmen da coñecida coma Mámoa de Fonte Tourón, que fora arrasada uns anos antes, estaba deitada polo que só puideron estudar a cara que tiña a vista, que presentaba numerosos gravados ondulados que semellaban serpes, en media ducia de ringleiras dispostas verticalmente e outras liñas rectas na parte inferior.

Hai agora cinco anos, traballos agrícolas na leira onde se acha o esteo, déronlle a volta quedando a vista a cara agochada, segundo alertara entón Javi Cuiña, polo que tivemos ocasión de ollar o carón dunha vintena de cazoletas, ocupando a parte central da lousa, oculta ata entón. Non reparamos daquela, nunhas pequenas liñas serpentiformes, semellantes as que se atopan na cara estudada e imperceptibles a simple vista, que agora coa axuda de Álex Negreira, quen fixo unhas fotos e tratou as imaxes da lousa a petición nosa, se puxeron de manifesto estes petróglifos que mostramos aquí en primicia.

Esta mámoa de Fonte Tourón, fora arrasada como xa indicamos hai mais de vinte anos e ademais deste esteo que se conserva completo, hai outros dous anacos que foron aproveitados para postes no peche da leira que tempo atrás estivo a monte e agora é pradería. Un deles presenta na cara convexa unhas liñas en forma de V e debaixo delas, unha ondulada ou serpentiforme. Este monumento megalítico xunto con outros dous coñecidos coma Mámoa da Costa do Cruceiro e a da Costa de Casares, separadas entre si por pouco máis de 300 metros, foron estudadas polas arqueólogas Elena Cabrejas Domínguez, Patricia Mañana-Borrazás e Yolanda Seoane-Veiga, co gallo dos traballos previos ao paso dunha liña de media tensión, dando a coñecer os resultados en 2009, nos Cuardernos de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC.

Dende esta publicación, o esteo que se conserva completo da Mámoa de Fonte Tourón foi mudado de lugar en 2015 como xa se indicou, provocando ampla polémica, ofrecendo o propietario dos terreos que ocupa ceder un recanto para poñela de xeito visible polas dúas caras ou levala para o Pazo de Liñares ou lugar axeitado para a súa conservación e exhibición, pero segue no mesmo lugar, agora entre as silvas. A Mámoa da Costa do Cruceiro foi salvada «in extremis» por Antonio Presas, cando ía ser arrasada por unha construción gandeira e a Mámoa de Costa Casares, que reparten dúas parcelas de pradería, soporta continuos rebaixes polos traballos que sobre dela realiza maquinara agrícola que fan temer a súa definitiva desaparición.