Deza: «A calquera lle gusta un queixo galego»
Javier Sampaio, presidente da denominación de orixe Tetilla, afirma que o produto foi acadando presenza na oferta de restaurantes e consideración dos cociñeiros
lugo / la voz
Un ano coma este, marcado pola pandemia, está a afectar á actividade económica. Javier Sampayo, presidente da Denominación de Orixe Queixo Tetilla, cre que o 2020 non ten por que ser malo de todo.
-É este un bo ano para os produtos agroalimentarios galegos?
-De marzo a xuño medrouse moito en vendas, nos meses seguintes baixouse. Creo que ao final quedaremos igual ca o ano pasado. É algo co que non se contaba estando todos pechados.
-Xa se valora máis o produto galego?
-Pouco a pouco, si. É algo que están facer os consellos reguladores, que no fondo dan máis valor a eses produtos. É un proceso a longo prazo. Ata hai pouco, ías a un restaurante, pedías queixo con marmelo e non che daban queixo dunha denominación de orixe. Agora cambiou algo. Hai que loitar polos nosos produtos con denominación, e creo que a Xunta está a facer un bo traballo.
-Está ao nivel do que se elabora noutros territorios?
-Por suposto. O traballo que fan os consellos reguladores é excelente. Un queixo, se é galego, vale para calquera padal. A calquera, sexa un neno ou un adulto, lle gusta un queixo galego. Outros poden ser demasiados fortes, demasiado salgados, etcétera; os de Galicia, non. Creo que imos avanzando ben e que se está a facer un produto de alta calidade.
-Os queixos galegos foron acadando sona e prestixio nos últimos anos. Está o queixo Tetilla algo tapado por outros?
-Nós tivemos unha baixada moi forte hai anos. Temos unha boa presenza fóra de Galicia, aí véndese ben.
-Cre que constitúe o queixo un claro exemplo do valor engadido que se pode dar ao leite galego?
-Penso que si. Non sei se se podería producir máis, porque ese é un labor lento. O que si vexo, e paréceme ben, é que se loita por espallar máis os nosos produtos.
-Canto axudan as queixerías a manter actividade económica e asentar poboación en zonas rurais?
-Aquí, na queixería, somos 25 persoas. Se non fose polas queixerías, quedaría menos xente. Se elixes venda directa, a evolución da actividade é máis lenta; pero tamén marcas o prezo e o consumidor págao: é un sistema máis agradecido. Cando lle levas á xente un produto á casa, quere que cumpras todo o ano. Hai pequenas variacións na calidade, pero vaise conseguindo. Todos pasamos polo panel das catas, e se non o facemos, non podemos vender como queixeiros da Denominación de Orixe Tetilla. O que se logra, en definitiva, é dar calidade e cumprir os parámetros do Consello Regulador.
-Pode chegar a ser o queixo o gran embaixador da cociña galega, dunha maneira semellante a como o é, por exemplo, en Francia?
-Falta traballo. Estanse a facer cousas; pero, repito, falta traballo. Ás veces elíxense cousas un pouco raras, coma o queixo con leite cru. O queixo que se fai dentro das denominacións, con leite pasteurizado, ten todas as garantías. Pero oxalá os cociñeiros tirasen por nós.
-Ven os cociñeiros galegos o queixo galego como un dos grandes produtos alimentarios de aquí?
-Quero pensar que si. Con Galicia Calidade, por exemplo, estanse a organizar actividades con cociñeiros, e iso demostra que se están a facer as cousas ben. Non me refiro só aos grandes nomes senón a todos os restaurantes en xeral.
Orixe. Javier Sampayo naceu en Lalín en 1969. Está á fronte dunha queixería aberta por súa nai.
Traxectoria. Preside a D.O. Tetilla, que ten a súa sede en Boqueixón (A Coruña).
Ámbito. Nesta denominación hai queixerías das catro provincias galegas.
Case trinta anos dunha traxectoria ascendente
O Consello Regulador creouse en 1992. As pezas rexistadas en 1994 foron 35.600. Dende aquela houbo anos de moito crecemento e tamén alguna baixada. No 2016, por exemplo, fabricáronse 1,8 millóns de pezas, aínda que tamén houbo anos en que se superaron con amplitude os dous millóns. O queixo da Denominación de Orixe Tetilla faise con leite de vacas das razas rubia galega, frisoa ou pardo alpina.
Comentarios