Prostitución, a violencia machista esquecida


Declárome abolicionista porque a prostitución é, a todas luces, un negocio ilegal que converte a millóns de nenas e mulleres en mercancía para a satisfacción sexual dos homes, xerando danos irreversibles e unha violencia incualificable. Por elo, este 25-N de 2020 debemos poñer o foco nesta violencia machista silenciada e na atrocidade dunha realidade que debería avergoñarnos.

Os datos son terribles. Segundo o Parlamento Europeo, 40 millóns de persoas no mundo son vítimas da prostitución nun mercado negro que xera uns beneficios de 110.000 millóns de dólares anuais que van directamente e en exclusiva ás mans dos prostituidores. É un negocio escravista, dirixido por homes, que arrancan calquera dereito ás mulleres que o padecen.

En España calcúlase que hai máis de 400.000 mulleres prostituídas, 1.700 clubs de alterne e o negocio ilegal move 18.000 millóns de euros ao ano. Así, España é o país europeo onde máis prostitución se consume e o terceiro no mundo. ¡É terrible! En Galicia, segundo a Rede Galega contra a Trata, hai entre 4.000 e 6.000 mulleres en situación de prostitución, aínda que a cifra é moito maior porque se analizamos os anuncios nos portais web atopámonos con ata 18.000, situando así á nosa comunidade como a quinta con maior número de mulleres prostituídas na rede. ¡Son as cifras da vergoña!

Amais, é obrigado que analicemos a orixe e o perfil das mulleres obrigadas a ser prostituídas porque eses datos retratan a imaxe real e poñen de manifesto que falamos da escravitude do século XXI. A escravitude sempre se xerou en espazos de pobreza, precariedade, ausencia de dereitos e posicións de superioridade dunhas persoas sobre outras. E estas son as características, tamén, sobre as que se asenta a prostitución. España nútrese nun 90 % de mulleres procedentes de países empobrecidos, mulleres captadas e capturadas que derivan desas situacións de pobreza extrema e desarraigamento, sometidas a todo tipo de violencias e ausencia de dereito algún desde a infancia. En Galicia, son maioritariamente, tamén, mulleres estranxeiras, principalmente orixinarias de Nixeria, Romanía ou Latino América.

Así que, onde está esa liberdade que se menciona para falar de regularización? Son escravas abocadas a un negocio ilexítimo que ten consecuencias terribles para millóns de mulleres no mundo. Estas mulleres privadas de dereitos padecen, segundo estudos científicos rigorosos, impactos gravísimos sobre a súa saúde física e emocional: lesións psíquicas, disociación, estrés pos traumático, lesións cerebrais, VIH, ETS, un 92 % máis de agresións, intentos de suicidio consumados ou o abuso de estupefacientes para soportar situacións de vida intensamente crueis. Esta é a realidade, esta é a verdade. O conxunto da sociedade ten que tomar conciencia, e por iso é urxente que haxa leis que impidan este escravismo baseado na dominación que se exerce sobre as mulleres.

Neste 25-N de 2020 parece que se abre unha fiestra ao optimismo co anuncio dunha lei que prohibirá que se manteña este negocio ilegal, imposible de asumir desde posicións de decencia política e humana. ¡Que sexa canto antes!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Prostitución, a violencia machista esquecida