A Ruta da Prehistoria de Doade, lista para recibir visitas


Coa colocación dos paneis informativos de cinco mámoas postas en valor, das sete existentes na parroquia de Doade, damos por rematado o roteiro cultural denominado a Ruta da Prehistoria de Doade, un complemento ideal para a ruta homologada de baixa dificultade do castro de Doade (PR-G210) xa existente, percorrida cada ano por milleiros de persoas, que transcorre ao longo de dezaseis quilómetros na súa maior parte xunto ao río Asneiro, con tres derivacións á Vía da Prata, ao carballo monumental de Soutolongo, árbore senlleira de Galicia e ao propio Castro de Doade (onde se conecta con esta nova ruta), pasando por muíños e igrexas restauradas, fermosas paisaxes e o Museo Etnográfico Casa do Patrón, promotor de ambas iniciativas, que contribuirán a dinamizar en gran medida o turismo cultural e de natureza deste territorio.

A Ruta da Prehistoria de Doade constitúe un percorrido de pouco máis de oito quilómetros que, partindo do castro de Doade, pasa pola mámoa do Agro do Castro, as dúas mámoas da Costa de Chelos, o conxunto do Coto do Santo da Pedra (A Pena do Santo, o Santiño da Pedra, unha recuperada tradición milenaria dos veciños desta parroquia, os petróglifos, unha impresionante mámoa de case trinta metros de diámetro, a máis emblemática da contorna, que será escavada no vindeiro ano 2021 e un formidable miradoiro, cunhas espectaculares vistas panorámicas do Val do Deza), continuando pola mámoa e o miradoiro dos Penedos da Arcela, baixando logo pola Pena das Cachas, que contén varios petróglifos máis, achegándose ao fermoso conxunto das Casas da Cruz, pasando pola Pía da Cal, atravesando o lugar de Codeseda, unha aldea totalmente restaurada, na que se poden visitar os tres edificios do Museo Etnográfico Casa do Patrón, onde remata esta interesante camiñada, coa posibilidade de continuar un pouco máis a andaina, baixando ata a contorna natural biosaudable de Entre os Ríos, nas ribeiras do cauce do Asneiro.

Aínda que os seus accesos están ben sinalizados, cabe significar que esta ruta figura na aplicación wikiloc, que poderá ser descargada en teléfonos móbiles, servindo de guía permanente aos usuarios da mesma no seu fácil percorrido.

Este ambicioso proxecto plurianual está a desenvolverse en tres fases: ano 2019 (prospección e catalogación das sete mámoas existentes na parroquia), ano 2020 (limpeza, sinalización e posta en valor de cinco mámoas e dous miradoiros do Val do Deza, achado de dúas rochas con petróglifos e traballos de levantamento topográfico e prospección xeofísica da mámoa do Santo da Pedra, recobrando ademais a tradición de reconstruír o Santiño, desaparecida hai máis de cincuenta anos na parroquia, e ano 2021, terá lugar a execución da fase final coa escavación de catro sondaxes na mámoa do Santo da Pedra, na busca da súa cámara funeraria, corredor de entrada, aneis perimétricos e posibles asentamentos de poboación ao seu redor.

Os veciños de Doade podemos e debemos sentirnos ben orgullosos da nosa teima por conservar os recursos naturais e paisaxísticos da nosa contorna, de honrar aos nosos antepasados recuperando o castro, as mámoas e os petróglifos, que tanto significaron para eles, rememorando a nosa etnografía cos milleiros de apeiros depositados no maior museo etnográfico de Galicia, ademais de recoller e manter vivo o inmenso valor da nosa tradición oral e folclórica, escribindo con maiúsculas numerosos libros coa vasta historia da nosa benquerida parroquia lalinense, situada no corazón das bravas terras do Alto Deza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A Ruta da Prehistoria de Doade, lista para recibir visitas