Vagalumes e A Banda da Loba acadan os premios San Martiño ó uso do galego

Os galardóns entregaranse o 13 de novembro nun acto a porta pechada


a estrada / la voz

O padroado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística vén de resolver por maioría a concesión dos recoñecementos correspondentes á edición deste ano á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical A Banda da Loba.

O colectivo Vagalumes acadou o premio San Martiño á difusión da lingua galega na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. A concesión baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega. Desde o ano 2009 ata a actualidade a asociación ten promovido conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, ciclos de teatro, publicacións e homenaxes en prol da normalización, defensa e difusión do galego. A derradeira homenaxe tivo lugar hai poucas semanas, co gallo da conmemoración do centenario do xornal El Emigrado (1920-2020).

Pola súa parte, A Banda da Loba é recoñecida co premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. A Banda da Loba, que ten entre as súas integrantes dúas estradenses -as irmás Andrea e Marcela Porto-, é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. A banda ten publicados dous traballos discográficos: Bailando as rúas (2017) e A fábrica da luz (2019). Caracterizada no aspecto creativo polo eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska, a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua. Neste senso, a banda ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Rosalía de Castro.

O padroado decidiu deixar este ano deserto o premio San Martiño a toda unha vida de dedicación á normalización lingüística.

Sen acto público

Debido a motivos de protocolo sanitario, os premios da presente edición non se entregarán nun acto público, como viña sendo habitual nos últimos anos, senón no transcurso dunha rolda de prensa no Teatro Principal que terá lugar o día 13 de novembro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Vagalumes e A Banda da Loba acadan os premios San Martiño ó uso do galego