«Botei a cara ou cruz se estudar Letras ou Ciencias: non tiña clara a vocación»

r. g. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

R. G.

Referente no estudo da lírica medieval, xubílase tras 47 anos de traballo

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde os 15 anos deu clases particulares para sobrevivir, aos 23 empezou a impartir docencia na Universidade de Santiago e con 33 converteuse nunha das catedráticas máis novas de España. Dubidou se estudar Ciencias ou Letras e acabou convertida case sen querelo nun referente para a lírica galego-portuguesa. Foi decana da Facultade de Filoloxía e vicerreitora da USC. Agora, despois de 47 anos de docencia e investigación, a estradense Mercedes Brea acaba de xubilarse coa esperanza de atopar por fin tempo para aburrirse.

-Cando descubriu a súa vocación polas letras?

-Cando xa estaba metida nelas, porque no Bacharelato elemental gustábanme tanto as Matemáticas e a Física e Química como o Latín ou a Literatura. Pero, no Bacharelato superior, había que optar por Ciencias ou Letras e boteino a cara ou cruz.

-De pequena, foi boa estudante?

-Sempre, entre outras cousas porque empezabamos o Bacharelato aos 10 anos. Non podería ter estudado sen bolsa, e naquela época era requisito imprescindible manter unha nota media mínima de Notable. O que nunca fun foi unha «chapona»; tiña que entender as cousas para asimilalas

-Como lembra a súa etapa como universitaria?

-Como unha das mellores da miña vida. Non perdía unha clase, estudaba todos os días, pero encantábame o que facía, e aínda quedaba tempo de sobra para ir ao cine, tomar un café, xogar ao parchís -perdendo- cos amigos, pasear, facer excursións...

-Empezou a dar clase moi nova...

-Con 23 anos. Levo 47 de docencia universitaria, porque o primeiro ano na USC disfrutei dunha bolsa de FPI que era incompatible coa docencia, polo que me dediquei á tese e a facer de secretaria dos Cursos de Lengua y Cultura españolas para estudiantes extranjeros, función que desempeñei durante seis anos. En realidade, daba clases particulares para sobrevivir, durante o verán, desde os 15 ou 16 anos. E, durante toda a carreira, complementaba a bolsa con clases de latín a estudantes de Filosofía e Letras. Ás veces, a algún que empezara comigo a carreira.

-Os alumnos serían case da súa quinta, costoulle ser respetada?

-En absoluto. Os primeiros anos había mesmo algún alumno máis vello ca min, pero sempre nos respetamos reciprocamente, e gardo un recordo excelente daquelas primeiras promocións.

-Teño entendido que foi a catedrática máis nova de España...

-A máis nova, non sei, pero si das máis novas. Entrei no corpo nacional de Profesores Adxuntos de Universidade -por oposición, claro, en Madrid- un pouco antes de cumprir os 28, e fun catedrática aos 33. Eran outros tempos.

-Había moitas mozas daquela na Universidade?

-Había moitas mozas en Filosofía e Letras, pero compartiamos edificio con Dereito e alí predominaban os mozos, igual que en Medicina, por exemplo. En cambio, en Farmacia e en Ciencias xa había tamén moitas mulleres.

-Aparte da labor docente, ten traballado moito en investigación. Cales foron os proxectos máis interesantes?

-Para min, todos; pero é certo que, case sen pretendelo, acabei convertida nun referente para a lírica románica medieval, en particular para a galego-portuguesa.

-Como referente na investigación da lírica medieval, que aportacións fixo o seu pobo, A Estrada, a ese mundo?

-Se se refire a trobadores da zona, sen dúbida algunha os irmáns Pai Soárez e Pero Vello de Tabeirós, probablemente membros da pequena nobreza, pertencentes a unha das primeiras xeracións e que deixaron unha produción non moi numerosa, pero de enorme calidade e interese, con trazos orixinais que os converteron en obxecto de numerosos estudos.

«Reivindico o dereito a poder aburrirme, porque é unha sensación que descoñezo»

Mercedes Brea defende o futuro da Filoloxía Románica, unha titulación universitaria pouco de moda nestes tempos á que ela dedicou a súa vida.

-Románicas non é hoxe por hoxe a carreira con máis demanda. Por que?

-Porque os estudantes chegan á universidade sen saber o que é, xa que no Bacharelato non hai materias específicas na que o poidan coñecer. Ademais, non se asocia a unha saída laboral concreta, a pesar de que moitos dos nosos licenciados son hoxe profesores de Secundaria ou de Escolas de Idiomas tanto de Español ou Galego como de Italiano ou Portugués, por non falar xa doutras opcións distintas da docencia.

-Cal é o perfil do alumnado?

-Rapaces que teñen inquedanzas, que non queren limitarse a estudar unha única lingua, que buscan ampliar horizontes... ou algúns que tiveron no instituto profesores que llo recomendaron.

-Por que pode ser interesante esa titulación no mundo actual?

-Porque proporciona mecanismos que facilitan a comparación entre linguas e literaturas diversas en busca dunha mellor comprensión das particularidades de cada unha, pero, sobre todo, porque procura formar, mediante a transversalidade, mentes abertas, versátiles, adaptables, capaces de enfrontarse aos problemas máis diversos e buscar solucións orixinais.

-Despois dunha vida na Universidade, apetecíalle un descanso?

-Depende de cómo se mire. Dediquei á Universidade 48 intensos anos, pero tamén disfrutei moito, non só da docencia senón tamén da investigación e da xestión. O que pasa é que os anos vannos restando forzas e costa máis estar facendo sempre cousas novas. En calquera caso, as actuais circunstancias sanitarias contribúen a que me sinta encantada de estar xubilada.

-Vaise afacer a estar lonxe dos círculos universitarios ou vai seguir aínda vencellada a algún proxecto?

-Sigo, e, se podo, seguirei vencellada á investigación, porque teño moitos traballos iniciados que debería ir rematando. Ademais, colaboro nalgúns proxectos do Centro Ramón Piñeiro que me interesan moito.

-Ten proxectos vitais pendentes? A que pensa dedicar o tempo de agora en diante?

-Teño marido, fillos, nora, irmáns, cuñadas... e tres netos marabillosos que quixera seguir vendo crecer, aprendendo deles cada día. Tamén debería dedicar algo de tempo a coidar a casa e o xardín, e a coidarme un pouco a min mesma. A verdade é que, polo de agora, case o único que reivindico é o dereito a poder dicir nalgún momento que me aburro, porque é unha sensación que descoñezo.