«Un dos obxectivos que tiñamos era xuntar todos os Africor de Galicia»

Cree que «cada vez somos menos e cada vez importamos menos»


Lalín / la voz

Jesús Manuel Manteiga Claro inicia a súa labor ao fronte de Africor Pontevedra tras a elección da nova xunta directiva para os vindeiros catro anos o serán do pasado martes. Gandeiro de profesión e vocación, Gandería Manteiga SC é unha explotación familiar de vacún de leite situada na parroquia de Oirós, en Vila de Cruces. No 1988 cando se incorporou Jesús Manuel Manteiga á explotación contaba con doce vacas e 20.000 quilos de cuota. Hoxe suman 120 cabezas de gando, das que unhas 60 están en muxido cuns 500.000 litros de produción anual.

-Canto tempo leva en Africor? Xa estivera na directiva?

-Levo 28 casado e xa estaba antes, así que máis de 30 levo. Fun vocal os derradeiros catro anos.

-Como foi o da presidencia?

-Somos once delegados de zona e entre eles elíxesen os cargos da directiva. Intentamos facer unha directiva ampla onde se escoitarán todas as voces e todo o mundo opinara e ninguén se sentira discriminado, con xente das distintas zonas para cubrir todo o ámbito xeográfico. O leite de Pontevedra está en Deza e Terra de Montes. Iste ano lle estamos facendo a recollida de mostras e o traballo dende Africor Pontevedra a Africor Ourense. En Ourense quedan agora mesmo menos de vinte explotacións.

-Cal será o seguinte paso?

-Estamos recén chegados, o mércores foi a xuntanza en Lugo, onte era a da Coruña e logo quédanos facer a xuntanza de Galicia para elixir unha directiva para toda a comunidade.

-Que lles gustaría facer nestes catro anos dende a directiva?

-Intentar facer do sector do leite un referente, sobre todo do sector galego. Un dos obxectivos que estaba dos anteriores catro anos e que non se deu conseguido era xuntarse os Africor de toda Galicia, sobre todo por cuestións económicas porque somos catro facendo o mesmo e tamén para traballar e traballar para o sector, pero é algo que se terá que falar entre todos e que terán que ver as distintas directivas. A idea dende aquí é traballar e procurar traballar en consenso.

-A situación non é boa e cada día hai que pelexar moito supoño.

-A situación segue sendo mala e cada vez somos menos e cada vez importamos menos a nivel político e xeral, non falo de cores. Chegamos a ser máis de 700 ganderías de leite en Africor Pontevedra e hoxe non chegamos ás 500. As explotacións pechan. Logo che din que é que á xente as vacas non lle gustan moito, e claro que non lle gustan moito, pero si gañará un soldo merecido o que é traballar os 365 días do anos e a inversión que ten, igual lles gustaba algo máis. Non digo que lle gustara a todos os que se van, pero a algún máis gustáballe. O que pasa é que traballar os 365 días do ano, algún día 24 horas, cunha inversión que hoxe calquera gandeiro mediano cunha explotación algo moderna ten mínimo un millón de euros de inversión para sacar un soldo de 900 euros, para iso vas traballar por aí adiante, tes os fines de semana libres e non tes inversión.

-Os prezos seguen sendo o cabalo de batalla?

-Os alimentos fan falta e a xente tense que dar conta de que na compra de alimentos non importa so o prezo, importan un pouco as garantías sanitarias que levan, por exemplo os nosos produtos. Estase vendendo o litro do leite a 29 céntimos. Eu acordo que no ano 88, con menos garantías sanitarias que agora, vendíase o leite a 60 pesetas, que serían 36 céntimos de hoxe, e daquela o gasóil estaba ao prezo que estaba, os salarios estaban ao prezo que estaban, a vida era outro prezo. Tanto se fala de que vivimos de subvencións, pero a nos que nos poñan o prezo do 88 con metade do que subiu o IPC ata agora e as subvencións que as garden.

-Os problemas seguen sendo os mesmos?

-Eu dende que era neno, sempre me gustou a gandeiría, e sempre escoitei: «os que queden van quedar ben». Pero eu vexo, que cada vez quedamos menos e cada vez estamos peor. Hai un refrán que non falla e que di que «se queres acaban cun sector, subvencionao». Faino vivir das subvencións e cando llas quites, morre. Si este fora un sector prescindible, pero coa crise que veu notouse que o sector agrogandeiro, prescindible non é. A xente ten que comer todos os días e si non come todos os días moi ben non lle vai.

-Que labor desempeñan?

-Somos unha asociación para controlar e certificar o leite que producen as nosas vacas e facemos algunhas cousas máis. Estamos dando servizo de alimentación para as súas vacas, un servizo de acoplamento, tentamos axudar dando un servizo de asesoramento no que nos piden as explotacións e botar unha man na medida do que poidamos. Temos a oficina no recinto da Semana Verde e temos a dúas persoas. Está aberta de luns a venres en horario de mañá e de tarde. En agosto fíxose xornada continua e so se abriu se mañá.

-Como se leva o do covid nunha explotación?

-O problema é traballar coa máscara, que se fai moito exercicio físico. No traballo tentamos estar moi separados, e con todas as precaucións de guantes, xeles, máscara. Houbo traballadores que foron con certo medo e xente que ten moito medo porque ten maiores na casa. Os animais hai que atendelos e o outro día me preguntaba un compañeiro, e se sae un positivo como nos illamos?. Pois teremos que por unha cama na granxa e illarnos alí e traballar. Ven xente ás explotacións pero xa deixan alí as cousas e non tes contacto.

Unha directiva con amplo espectro

A directiva que preside Jesús Manuel Manteiga Claro, de Vila de Cruces, conta con representantes das diferentes zonas. Manuel Villaverde Salgueiro, de Forcarei, ocupa a vicepresidencia. O secretario é Paulino González Fernández, de Silleda, e o tesoureiro, Jesús María Montes Vázquez, de Rodeiro. O posto de interventor o ocupa Esteban Gestoso Bello, da Estrada, e como vocais están Gustavo Iglesias Méijome e Miguel Madriñán Albor, ambos de Lalín. Os representantes de Africor Pontevedra na Federación de Frisona Galega (Frefriga) son Manteiga e Manuel Villaverde na xunta e na asemblea estes dous máis Esteban Gestoso e Miguel Madriñán. A directiva inclúe de suplentes os delegados de zona que restan ata os once, excepto un que, apunta o presidente, non quixo estar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Un dos obxectivos que tiñamos era xuntar todos os Africor de Galicia»