«É unha curta para a nosa xeración, coa que todos se poden identificar»

juan pedrouzo / o. p. LALÍN / LA VOZ

DEZA

A estudante cruceña Tania Ríos prepara esta semana a súa primeira curtametraxe

02 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nova Ondiña Producións é unha produtora audiovisual novel formada por estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. Malasaña é a súa primeira curtametraxe realizada fóra do ámbito universitario, tal e como conta Tania Ríos, veciña de Vila de Cruces encargada da súa produción.

-Como nace esta curta?

-Nunha das asignaturas máis intensas da carreira tiñamos que realizar dúas curtas, para ir enchendo o currículo. Pensabamos gravar en Semana Santa, pero en marzo chegou o confinamento e houbo que bloquear todo.

-E aínda así decidiron seguir adiante.

-Si, a asignatura superámola ao presentar os documentos sobre o que tiñamos planeado, pero obviamente non puidemos facer as curtas antes da fin do curso. Entón claro, se queriamos gravar ou non, xa fóra da carreira, era cousa nosa.

-Entón foron pola súa conta.

-Si, mercamos nós todos os materiais, buscamos o piso onde gravar... Mesmo realizamos un documento establecendo as nosas medidas de seguridade. Como produtora, eu encárgome de que todo o mundo teña o que necesite.

-Cando comezaron a rodaxe?

-Tiñamos planeado iniciar o luns, pero resulta que a Xunta acabou interfirindo nos nosos plans (risas). O piso no que imos a gravar é de Airbnb, entón como se decidiu facer inspeccións nestes pisos, coincidiu cos nosos horarios. Así que comezamos onte e remataremos mañá. Se todo vai ben, estrearémola en novembro.

-Cantos forman o equipo?

-En Nova Ondiña somos nove persoas, pero nesta ocasión contamos con tres actores e unha persoa máis para facer o making off. Así que trece en total.

-Xa realizaron algún traballo previo?

-Fixemos unha reportaxe para un traballo de clase e tamén colaboramos cunha empresa para facerlle un vídeo. Pero nunca tiveramos a oportunidade de meternos en grandes proxectos independentes ata agora.

-Que queren contar con esta curta?

-Malasaña vai sobre dous compañeiros de piso, con personalidades totalmente opostas, que detectan un cheiro insoportable que chega dende a cociña. Deben desfacerse do que sexa que o produce antes da festa que celebran á noite, pero ningún quere facelo. E ata aí podo falar ...

-Unha historia moi costumista ...

-Si, por iso pensamos que pode funcionar moi ben. Os protagonistas son adolescentes, é unha curta pensada para a nosa xeración. Todos nos podemos identificar con eles ou coñecemos a alguén parecido. É unha peza pequena e dinámica e cremos que pode deixar ben ao espectador e facelo rir.

-Vano presentar a festivais?

-En principio ao Notodofilmfest, que é un festival dixital, pero probablemtente tamén ao de Cans e ao FIC Bueu.

-Xa están planeando algo para despois?

-Queremos facer a outra curta que quedara pendente, A cor das paredes. É unha historia do rural sobre unha disputa familiar por unha herdanza. Ademais, esa non só a produzo, tamén a vou dirixir!

Malasaña