«O noso patrimonio hai que coñecelo, querelo e preservalo»

juan pedrouzo A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

O autor Xesús Antonio Gulías presentará hoxe en Soutelo o seu último libro sobre o Castelo do Castro de Montes

31 jul 2020 . Actualizado a las 22:15 h.

Hoxe, ás 18.30 horas, no Auditorio de Soutelo de Montes, Xesús Antonio Gulías Lamas presentará o seu novo libro O Castelo do Castro de Montes e as parroquias desta xurisdición. Este acto formará parte da serie de actividades plantexadas pola Asociación Amigos da Terra de Montes durante a súa XXXVII Xuntanza anual, planeada para reforzar as relacións entre os seus membros. Gulías é autor de numerosas publicacións e investigacións, entre as que destacan os seus traballos sobre a xerga dos canteiros da Terra de Montes, sobre o patrimonio histórico de Beariz ou sobre o oficio dos artesáns da pedra.

-Que me pode contar deste novo libro?

-Unha das miñas paixóns de toda a vida son os castelos de Galicia, xunto coas igrexas románicas e os cruceiros. Neste libro eu fixen un estudo con máis ou menos profundidade desta fortaleza de Montes, na que durante 500 anos residiron os xuíces meiriños, así como das parroquias que a rodean. Todo baseado en datos históricos e contrastados.

-Cal diría que é a razón de ser deste traballo?

-Non é outra que dar a coñecer e poñer en valor unha parte moi importante do noso patrimonio, que son os dous temas mentados no título. Porque o noso patrimonio hai que coñecelo, querelo e preservalo. É un deber, unha obriga que hai que cumprir por amor.

-Cando comezou a escribilo?

-Respecto á documentación non podo dar unha data, pois é información que fun recollendo ao longo da miña vida. Pero púxenme a redactalo o ano pasado e para cando chegou o confinamento xa o tiña rematado.

-Con máis de vinte libros publicados ata o de agora, segue algunha metodoloxía?

-Tras toda a vida traballando nunha empresa de produtos químicos, xa fai tempo que estou xubilado. Así que dedícolle ás miñas investigacións todo o tempo que podo, ou polo menos o que me permiten. Pero si, case todos os días póñome a escribir algo.

-E respecto ás investigacións...

-Aí si que atopo máis obstáculos. Por exemplo, nos meus traballos sobre igrexas, eu sácolle fotos aos exteriores. Pero para poder ver e estudar os interiores, teño que contactar cos curas para que veñan comigo. E claro, non é fácil atopar a alguén disposto a dedicarte ese tempo.

-De onde sae a súa paixón pola arquitectura?

-Ao ser de Beariz, a cantería imprime carácter. Na parroquia había 104 canteiros. Eu pasei a infancia na casa do meu avó, que tamén traballaba diso e mesmo fixo algún cruceiro. Entón xa dende pequeno ese mundo espertou interese en min.

-Foi presidente da Asociación de Amigos da Terra de Montes.

-Si, pero porque nese momento o esixían as cricunstancias. Pero a min dirixir a outros non se me da ben, xa bastante teño con dirixirme a min mesmo (risas). De todas formas, téñolle un gran cariño á Asociación e á xente que fai algo positivo pola nosa terra.

-E tamén foi o primeiro fillo predilecto do Concello de Beariz.

-E estou moi agradecido co Concello e coa xente de Beariz. Pero creo que hai xente que fixo máis por Beariz ca min e que o merecía máis.

-Xa está traballando en algo novo?

-Para este ano estou preparando traballos sobre o románico das terras que pertenceron á comarca de O Ribeiro. E para o ano que vén, se todo vai de forma correcta, vou publicar traballos sobre o románico nas terras que pertencen á partida de Ourense.

A Asociación Amigos da Terra de Montes celebra a súa xuntanza anual

Un ano máis, a Asociación Amigos da Terra de Montes reúne aos seus membros na súa XXXVII Xuntanza Anual, unha xornada deseñada para estreitar os seus lazos. Malia ter que cancelar algúns plans por mor da crise sanitaria, o programa conta con varias actividades que se realizarán ao longo do día de hoxe.

A partir das 16.30 horas, terá lugar a XXXVII Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación, no auditorio de Soutelo de Montes. Despois, ás 18.30 horas, tamén no auditorio, o autor Xesús Antonio Gulías presentará o seu novo libro, dando lugar a un relatorio que leva por título O rol dos xuíces meiriños na xurisdición histórica terramontesa. Finalmente, a xornada rematará ás 20.00 horas, coa inauguración oficial dunha rúa en Soutelo de Montes adicada ao pintor Virxilio Blanco Garrido.