Pedaleando a carón da campioa do mundo de estrea no gran pelotón

DEZA

Cedida por DAVID BESADA PEREZ

Lara Lois, do Extol Team dezao, viviu unha fin de semana imborrable, poñendo fin ao parón polo covid correndo as súas dúas primeiras carreiras UCI World Tour

30 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O mellor do gran pelotón feminino mundial de ciclismo en estrada citouse a pasada semana nas estradas de Navarra e de Euskadi. Coa campioa do mundo, a holandesa Annemiek Van Vleuten, do equipo australiano Mitchelton-Scott, impoñendo a súa xerarquía, gañando as Clásicas de Navarra e de Durango en presenza tamén da campioa olímpica. Vitorias que a grovense Lara Lois contemplou desde dentro, no que foi o seu debú no calendario UCI World Tour.

Iniciada no 2015 no ciclismo federado con 33 anos e confirmada pronto como unha das referentes do BTT galego e español, a vixente campioa do Open de España de XCM viu a semana pasada como os astros confluían para regalarlle unha experiencia imborrable. «Coñecía unha chica do Farto -de Pontevedra- e o seu director deportivo chamoume dicíndome que buscaban unha ciclista para completar o equipo de seis para Navarra e para Durango. Eu estaba de vacacións e díxenlle si».

Abriuse desa maneira un novo mundo para a meca, sen máis experiencia no ciclismo en estrada ca un par de carreiras na súa segunda tempada en competición, no 2016. Foron as súas primeiras probas tras o parón obrigado pola pandemia do covid-19, co coronavirus deixando a súa pegada. A organización da Clásica de Navarra, explica Lois, obrigou a última hora os equipos modestos a cumprir co mesmo protocolo seguido polos da categoría UCI World Tour e facer as súas ciclistas PCRs para poder rodar. «Fixemos o test o xoves pola mañá, pero os resultados chegaron xusto á hora da saída da primeira etapa da Clásica de Navarra e practicamente ningún equipo español -só o Movistar é UCI World Tour- puido correr, ao non dar tempo», conta a arousá.

Ao día seguinte, a caída ao pouco de saír da lucense Sara Pérez (Río Miera-Cantabria Deporte) na segunda etapa cortou a Lois e dúas compañeiras. «Tentamos recortar, pero non demos, e no quilómetro 40 a organización nos mandou parar», recorda a grovense. O domingo, na Clásica de Durango, con cinco voltas a un circuíto e sistema de eliminación, ningunha das seis integrantes do Farto deu completado a proba. Pero tirando do tópico, o verdadeiramente relevante aquí era participar.

«Foi unha experiencia incrible! Os dous días coincidiume ter ao meu carón á campioa do mundo e rodar xunto a ela os primeiros quilómetros. Eu miraba para ela e dicíame ‘Está aquí! Está aquí!», exclama Lara Lois, que confesa ter quedado con ganas de máis: «Nunca compartira unha viaxe cun equipo de estrada, esa unión que forma, a táctica; non é como no ciclismo de montaña, onde se fan as carreiras de maneira máis independente. Gustaríame probar máis. Se me dan a oportunidade, tentarei probar de novo». Mentres, Lara Lois prepara unha tempada de BTT comprimida, con inicio no Campionato de España de Maratón que terá lugar o 30 de agosto en Lalín.