A Xuntanza dos Amigos da Terra de Montes terá lugar o día 1 de agosto

j. pedrouzo A ESTRADA /LA VOZ

DEZA

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Amigos da Terra de Montes celebrará a súa XXXVII Xuntanza Anual durante a tarde do próximo sábado 1 de agosto. Como cada ano, esta iniciativa deseñada para afianzar os lazos entre os socios da agrupación, contará con varias actividades.

A xornada dará inicio coa asemblea xeral ordinaria da asociación, que terá unha primeira convocatoria ás 16.30 horas e outra ás 17.00. Desenvolverase no Auditorio de Soutelo de Montes e comezará coa lectura da acta da anterior asamblea xeral extraordinaria, celebrada en agosto de 2019. Seguidamente, continuará coa presentación da xunta directiva da asociación e con informacións varias do presidente, José Raposeira Correa. Falarase do estado actual das contas e rematarase coas preguntas que procedan.

Despois da asemblea, tamén no auditorio, presentarase o libro O Castelo de Castro de Montes e as parroquias desta xurisdición, obra de Xesús Antonio Gulías Lamas e distribuido por Edicións Fervenza. Trátase dunha publicación promovida pola propia asociación e patrocinada pola Consellería de Cultura e Turismo. Ademais, realizarase un relatorio e conversas con este autor. Finalmente, a xornada rematará ás 20.00 horas coa inauguración oficial dunha rúa en Soutelo de Montes adicada ao pintor Virxilio Blanco Garrido.

Debido á pandemia de covid-19 houbo que suspender varias actividades planificadas para estas datas, como a realización do Camiño de Geira e dos Arrieiros ou o xantar de confraternidade que estaba proposto para o día 2. Dende a xunta directiva esperan poder recuperalas o próximo ano, mentres que tamén insisten en que os que acudan a esta xuntanza cumpran coas normas de prevención estipuladas polas autoridades. Pode consultarse máis información sobre o evento na páxina: www.webterrademontes.com.