O Museo Galego da Marioneta dona carteis e folletos á USC

Juan pedrouzo LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

As coleccións gardaranse na Facultade de Comunicación

24 jul 2020 . Actualizado a las 22:14 h.

A compañía Viravolta Títeres entregoulle á Universidade de Santiago de Compostela (USC) as coleccións de folletos e carteis que almacenaba a biblioteca do Museo Galego da Marioneta en Lalín. Dese modo, o novo lugar no que se gardarán estes documentos será a biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación. A directora da biblioteca, Lourdes Pérez González, recibibiu a doazón dese material con agradecemento, ademais de expresar a súa vontade de acoller o resto de fondos que Viravolta queira proporcionar nun futuro. A acollida destas coleccións asegura unha mellor conservación e difusión destes documentos, que contan a arte dos títeres en todo o mundo. Entre estes folletos e carteis atópase unha gran cantidade de mostras que axudan a comprender a historia e importancia dos títeres en Galicia no último cuarto do século XX.

Tras dezaoito anos de actividade, o Museo Galego da Marioneta anunciaba o seu peche definitivo o 14 de maio de 2019 a través dun comunicado nas redes sociais. Os fondos do museo incluían coleccións tradicionais de marionetas chegadas de países coma Bélxica ou Chequia; no seu haber tamén contaba con pezas facilitadas por compañías galegas como Cachirulo, Os Monicreques de Kukas, Artello Teatro alla Scala, Taranxina ou Trécola, así como pezas históricas vinculadas a Barriga Verde. Ademais, a biblioteca do museo contaba con máis de 3.700 volumes, o que ao convertía nun espazo de referencia respecto á investigación e desfrute da arte da marioneta.

Viravolta Títeres, a compañía que iniciou o proxecto, achacoulle ao Concello de Lalín un número de problemas, coma demoras nos prazos e falta de comunicación, que serían os causantes do cese do museo. Inaugurado en 2001, chegara a ser un conxunto expositivo de gran valor etnográfico, no que se conseguira reunir máis de 300 exemplares grazas a doazóns e depósitos. Actualmente o futuro do museo é incerto e a súa posible reapertura segue no aire.