«Foi un resultado moi positivo pensando no futuro de Galicia»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

XOAN A. SOLER

Román Rodríguez, novo deputado autonomico, defende o traballo de planificación nunha situación difícil e inédita e o exemplo dado

15 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O lalinense Román Rodríguez, elixido de novo deputado no Parlamento galego e conselleiro de Cultura e Turismo, fai unha valoración dos comicios.

-Que lle parecen os resultados acadados?

-Foi un resultado moi positivo, sobre todo, pensando no futuro de Galicia, máis alá da competición partidista, o que importa aquí é que en Galicia nun momento que se prevé difícil teña un goberno reforzado, un goberno estable, con capacidade de levar a cabo accións e políticas a favor do país e que posibilite seguir desenvolvendo un proxecto político que se ten manifestado como positivo para Galicia e que se ten visto referendado de xeito constante nas urnas. A proba está de que case un 50 %, un de cada dous galegos, aproban a xestión do goberno e do presidente Feijoo.

-Cal é o balance que fai a nivel local e comarcal?

-A nivel comarcal, esta satisfacción xeral vese máis reforzada. É unha das comarcas onde o presidente Feijoo e o PP tivo un apoio máis nítido e onde de forma tradicional sempre tivo un apoio moi importante. Dende o punto de vista local, moi contento polo altísimo porcentaxe, un 63 % acadado en Lalín, que foi o máis importante dentro dos concellos de máis de 20.000 habitantes. Moi agradecido a todos os veciños que me votaron ou non. Nunca participamos nesta competición cunha perspectiva excluinte senón que buscabamos aglutinar os galegos en torno a un proxecto e en torno a unha visión de futuro, tendo en conta que os tempos que van a vir, todo parece indicar que serán anos complexos e difíciles.

-Foron uns comicios nunhas circunstancias especialmente difíciles que se pensaba que ían a facer mella na participación, pero non foi así. Foi tamén unha satisfacción?

-Creo que Galicia e Lalín deu unha auténtica lección de respecto e de participación democrática e de respecto as normas fixadas. A situación era absolutamente inédita e pese a que nalgún momento algúns partidos intentaban reducir a participación, as redes sociais están cheas de chamamentos a non votar dun xeito pouco democrático. E sempre hai que pedir que se vaia a votar. Creo que aí Vicepresidencia xunto cos concellos fixeron un moi gran traballo de planificación e organización e os cidadáns estiveron á altura nunhas eleccións moi difíciles, e os galegos votamos pensando no mellor para Galicia.

-Que agarda deste mandato?

-Galicia tense manifestado nos últimos anos como unha comunidade autónoma de referencia en moitísimas variables como pode ser a educación, cuns resultados fantásticos en Pisa; como é a sanidade sendo a primeira comunidade autónoma que saíu do estado de alarma e a que menos impacto tivo comparativamente con outras; a nivel económico sendo tamén a que tivo nos últimos meses un maior crecemento económico e unha maior redución do paro e a nivel turístico sendo no 2019 a comunidade autónoma que más medrou de España: un 6 % fronte ao 1 %. O que temos que ter son políticas solventes pensadas a medio e longo prazo, que posibiliten fundamentalmente xerar benestar, progreso e que os servizos públicos se xestionen dun xeito racional.

-Sabe cal será o seu cometido, se terá as mesmas responsabilidades, si vai seguir tendo a confianza do presidente?

-A formación do novo goberno compete ao presidente, é unha decisión que non se pode delegar, e o presidente tomará sen dúbida a mellor decisión que entenda neste ámbito.

«Os políticos non temos que ser un problema senón parte da vida das persoas»

O lalinense Román Rodríguez defende que nestas políticas solventes das que fala «as Administracións e os políticos non sexamos un problema para a sociedade con liortas estériles, con partidismos ideolóxicos, senón que sexamos unha parte substancial da vida das persoas, axudándoos a medrar, a formarse, a ter boa saúde, a ter boas condicións laborais, en definitiva, a mellorar o que é o benestar e o progreso na sociedade cunha visión absolutamente integral». Cree que o papel dos políticos é «acompañar e axudar ás persoas e non impoñernos sobre estas nin impoñer a nosa forma particular de entender a sociedade ou de entender o mundo».

O futuro pinta escuro. Román Rodríguez apunta de cara a eses catro anos que teñen por diante que «todo parece indicar polas previsións da inmensa maioría dos organismos nacionais e internacionais que van ser difíciles». Unha situación para a que, defende, «precisamos gobernos con experiencia, gobernos sólidos, con capacidade de xestión e que sexan capaces de aglutinar grandes conceptos».

Pensa que o reforzamento electoral de Feijoo nas urnas «ten que materializarse tamén na aposta por un traballo conxunto de Galicia en todos os ámbitos, tanto na Administración pública e tamén na vida privada, para facerlle fronte aos retos que nos veñen por diante».