«A variedade de Santiago é a mellor, vén máis cedo e produce máis»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Leva preto de trinta anos botando grelos para autoconsumo, pero tamén para vender

08 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grelos, tamén coñecidos como rapini, son unha verdura moi empregada en Asturias, Italia, norte de Portugal e, por suposto, en Galicia. O seu sabor describiuse como agradable, lixeiramente amargo e picante. Trátase dunha verdura probablemente descendente dunha planta salvaxe relacionada co nabo que medrou ben na China ou na rexión do Mediterráneo. Unha fonte de vitaminas A, C e K, así como de potasio, calcio e ferro, cuxo principal produtor e consumidor é Galicia. Nabizas e grelos son nestas datas grandes protagonistas na cociña. Verdura que se adoita plantar en practicamente todas as casas, pero non tanto dedicala á venda. Pois o de vender grelos a María del Carmen Abeledo López (A Xesta, Lalín) chegoulle un pouco por casualidade.

-En que momento comezou a vender grelos?

-Pois ao mellor hai 27 anos que empecei, e foi por casualidade, por unha veciña que o facía e me animou a facer o mesmo.

-Como empezou todo?

-Eu estiven en Alemaña. No 1979 casei e comezamos aquí na Xesta de cero, cunha vaca e unha becerra [sorriso]. Meu avó tiña vacas, pero eu nunca vira parir unha... Foi toda unha experiencia ver un nacemento... Nós, o meu home e mais eu, sempre nos dedicamos ao leite, pero unha veciña vendía moito grelo e nunha ocasión quedou sen produto. Viu que tiña uns grelos moi bos e comentoume a posibilidade de vendelos... E xa ves, ata hoxe. Diso pode haber uns 27 anos.

-Que extensión cultiva habitualmente?

-Depende do ano, pero como mínimo uns dous ferrados. Tiven anos de sementar catro, outros anos de cinco... O que facemos é sempre sementalos no sitio no que tivemos as patacas. É o mellor terreo que hai para que produzan ben, para ter uns bos grelos, e mesmo din que é bo para a terra. Xa se sabe que o grelo quere unha terra estercada, e como as patacas levan habitualmente unha boa cantidade... pois haberá logo bo grelo.

-Á hora de sementar atopamos unha ampla opción de variedades, pero cal considera que é a mellor?

-Cada persoa, segundo a zona, seguro que ten a súa preferencia, pero a variedade de Santiago é a mellor, vén máis cedo, produce máis e é tamén a variedade que máis demanda rexistra, polo menos nesta nosa zona. Na parcela que sementei este ano xa hai dous meses que teño grelos.

-A onde vai a súa produción?

-Directamente para unha tenda de Lalín. Normalmente sempre para a mesma dende hai moitos anos. Cando necesita uns monllos de grelos chámame, prepároos e lévollos.

-Entón non vende unha cantidade fixa todas as semanas.

-Non. A venda vai en función da demanda que exista nese momento. Claro que nestas semanas a demanda é máis alta, e coa próxima celebración da Feira do Cocido e do entroido, que son datas en que se fai moito cocido nos restaurantes, creo que aumentarán as vendas.

-Dicía que son poucos produtores de grelos na zona. Cal pode ser o motivo?

-Un dos motivos polo que somos poucos produtores de grelos pode ser polo traballo que dan, que é bastante, e que se pagan regular. Despois o que comentaba antes, que non hai unha venda fixa, senón que flutúa dependendo da demanda, e logo que case sempre te mollas para collelos. O menos habitual é ir apañalos con bo tempo. Centos de veces tes que levar o paraugas, e a pesar diso acabas coma unha sopa. A pesar de todo, a min é algo que me relaxa e non me amarga nada ir collelos.

Cantabria. Cúltivanse en Laredo, Liendo e Guriezo, e chámanse respigos.

Italia. Consómense no sur, salteados con allo, e acompañan pratos de carne de porco.

Alemaña. É coñecido na rexión do Rin e en Westfalia. Cócense ao vapor.