«A figura do matachín está desaparecendo»

amelia ferreiroa

DEZA

Miguel Souto

O escritor lalinense García Porral recolle no seu último traballo a tradición cultural que se agocha no proceso da matanza do porco

30 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Ramón María Aller acolle mañán, ás 20 horas, a presentación do libro A Matanza do porco. Cultura e tradición, da autoría de Xoán Carlos García Porral, e publicado por Edicións Fervenza. No actor acompañarán ao autor o filólogo Vicente Feijoo, a concelleira de Cultura de Lalín Begoña Blanco, o conselleiro de Cultura Román Rodríguez e o alcalde José Crespo.

-Preséntanos unha matanza do porco pero por distintos puntos de Galicia.

-Así é. Dicía Castelao que «a tradición é a eternidade» e este libro vai por aí, a matanza pode contribuir a perpetuar o noso futuro. A matanza do porco é unha tradición secular para nós os galegos. Na zona central sabemos o que é pero neste traballo falo desa tradición ancestral en Campo Lameiro, Oroso, O Cebreiro, Riós, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, O Saviñao, Trabada ou Xinzo. Son concellos nos que aínda está en práctica que noutros deixou de facerse ao non haber quen a fixera. Xa non se ceban porcos e non se fai ese traballo que vai parello á matanza.

-O matachín unha das figuras imprescindibles?

-Xunto co porco (sorriso). Antigamente nas aldeas había matachín pero esa figura está desaparecendo por falta de xente que aprenda a técnica. É unha manifestación máis na rotura que se está dando na transmisión da oralidade. Estase vendo como o matachín, que ía facer as matas ás casas dos veciños e familiares a cambio de nada, está sendo substituído por un profesional que cobra polo seu traballo.

-Cales son as principais diferenzas que apreciou na mata, dependendo dos concellos?

-Os pasos son os mesmos á hora de facer o traballo pero pode variar, por exemplo, a limpeza do porco. Por esta zona faise o chamuscado pero na zona oriental de Lugo levan a cabo o que se chama pelado, fregan o pelo do animal cunhas pedras. A terminoloxía é diferente. Atopei cousas curiosas coma cando se escolle a graxa das tripas; aquí é desenfiar, na Fonsagrada é desingrir, entrepartir No Cebreiro, esgodar en Chantada e desenliar na Estrada.

-Cos embutidos pasará algo semellante?

-Si. Aquí temos chourizos de carne, de cebola e algunha morcilla pero atopamos chourizos de cabaza, pigoreiro, de sangue... O día da mata no Cebreiro comen as amígdalas do porco, en Salvaterra o fígado á brasa e fan un doce de sangue con fariña, piñóns e noces, e tamén no Cebreiro os ósos de soá non os poden comer as mulleres se queren quedarse embarazadas.

-Era costume facer as filloas de sangue, mantense a tradición en Galicia?

-Eu crieime e vivo na aldea e era algo moi habitual. Lembro de neno as filloas de sangue na matanza, e era o máis normal do mundo, pero iso si que xa non é tan habitual.