Chamada da seleccionadora española Sub-16 a unha porteira estradense

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEZA

MONICA IRAGO

Nuria Gómez, que compite na categoría máis baixa do fútbol feminino, adestraráse os días 27 a 29 baixo as ordes de Toña Is xunto a xogadoras de clubs de elite e nacionais

20 ene 2020 . Actualizado a las 21:49 h.

«Quedeime un pouco flipada, porque non o esperaba para nada. Pensei que me estaba vacilando». Nuria Gómez Sánchez cóntanos no percorrido da distancia entre o seu domicilio na parroquia estradense de Aguións e o campo de Corón, Vilanova, como unhas horas antes a súa nai, Josefa Sánchez, lle amosaba no móbil o seu nome na última convocatoria da seleccionadora española Sub-16, Toña Is, para as sesións de adestramentos que dirixirá entre o vindeiro luns, día 27, e o mércores da semana que vén na localidade madrileña de Las Rozas. Un listado de 28 futbolistas, na súa inmesa maioría dalgunha das tres categorías nacionais do balompé feminino; con máis da metade delas procedentes das canteiras de equipos da Liga Iberdrola, a Primeira División, incluídas catro do líder, F.C. Barcelona, e outras tantas do segundo clasificado, o Atlético de Madrid. Só unha das convocadas loce licenza da quinta e derradeira categoría, a Segunda Autonómica. E esa é Nuria Gómez. De aí a súa sorpresa, que se mantén na súa voz camiño do adestramento coas súas compañeiras no Chispa de Vilanova.

«Non sei como me convocaron. Estarán sen porteiras. Estarán todas as porteiras lesionadas», di Nuria a medio camiño entre a retranca e a procura dunha explicación lóxica ao que está a vivir. Certo é que Toña Is puido ver en acción a gardamallas galega na primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Sub-17, que a futbolista do Chispa vivíu como titular baixo os paus do combinado de Galicia o mes pasado en Lezama, Euskadi. Pero, apunta a rapaza, pouco bo tería sacado do encontro que tería presenciado fronte a Cataluña, con derrota galega por 4-1.

«A verdade é que non sei o que sinto. Inda o estou asimilando», declara unha rapaza de 15 anos que comezou no balompé hai media vida, aos 7 anos, cando a forza de acompañar o seu irmán maior aos adestramentos no San Mamede de Vedra decidíu que ela tamén quería xogar. De porteira. «Por correr menos, e porque sempre me ghustou tirarme», explica.

Enrolada hai tres tempadas no Chispa tras coñecer a súa adestradora, Cris Escudeiro, nunha convocatoria coa selección galega, da que é habitual desde alevín, Nuria confía en que a convocatoria de Toña Is «algunha porta pode abrir». O seu soño, «chegar a vivir disto», a poder ser, «no Atleti ou no Barça, porque son os mellores». Que Sandra Paños e Ter Stegen sexan os seus porteiros de cabeceira pode dar unha pista de cal sería a súa preferencia.

fútbol

«Tamén é un premio para o equipo, sobre todo para un modesto como o noso»

Cris Escudeiro foi a primeira no Chispa en enterarse da convocatoria da súa porteira á nova sesión de adestramentos programada pola seleccionadora española Sub-16. A adestradora do conxunto vilanovés non o dubida: «É un premio merecido. Nuria é unha rapaza que traballa moito, moi humilde, gústalle esforzarse e axudar as compañeiras. É unha xogadora de equipo, e como porteira, moi completa, moi rápida nas saídas, bastante contundente nos uns contra uns, e con bos reflexos».

Desde Corón, Cris Escudeiro estende a convocatoria da seleccción máis aló da gardamallas: «Tamén é un premio para o equipo, sobre todo para un club modesto como o noso», que debutou na Segunda Autonómica hai tres tempadas despois de que o groso das nove xogadoras do seu cadro mixto infantil chegasen á categoría cadete. Con algún que outro reforzo, e cunha media de idade duns 15 anos, na súa estrea na Segunda Autonómica sénior o Chispa rematou oitavo -de 20 equipos-, conquistando a Liga a campaña pasada para quedar ás portas do ascenso na promoción, e volvendo liderar neste curso a competición co mesmo grupo de rapazas.

«É unha grande alegría. E para o club, unha satisfacción», di o desde hai oito tempadas presidente do Chispa, Manuel Ángel Resúa. Nuria, pola súa banda, reivindica o seu equipo: «Os pequenos tamén teñen xente boa».