A Empanada da Bandeira, con relevo

amelia ferreiroa

DEZA

rober amado

15 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalmente, e cando xa a piques estaba de rematar o prazo establecido para disolver a Asociación de Amigos da Empanada da Bandeira, semella que chegará relevo. Hoxe mércores remata oficialmente o tempo marcado pola xunta xestora da asociación para que se presenten candidaturas e, segundo fontes do colectivo, un par de persoas amosáronse dispostas a formar candidatura para facerse cargo da entidade. Haberá que agardar ata a noite para ver se se amplían as posibilidades «e se aparecen máis persoas interesadas xa que cantas máis sexan mellor», sentencian dende a xunta xestora.

A asemblea extraordinaria para votar as posibles candidaturas que se presenten está fixada para o próximo sábado, día 18 ás 19 horas, nas instalacións do Centro Cultural Vistalegre da Bandeira. Xuntanza na que se tratarán tres asuntos: presentación de candidaturas, votacións e rogos e preguntas. A asemblea do vindeiro sábado xurde despois de varias convocatorias de semellantes características que remataron sen ningún tipo de acordo. «É un alento saber que agora parece que hai interese en facerse coa asociación, seguir traballando e que non haxa que ir á disolución que sería unha mágoa».

Dende o pasado mes de outubro estase buscando relevo para este colectivo silledense que se encarga de organizar unha das festas gastronómicas máis coñecida e recoñecida como é a Empanada, e que comezará a preparar xa o Antroido.