A aldea do Nadal en Codeseda, un raio de luz para o rural


Opasado 6 de xaneiro, festividade dos Reis Magos, veciños, amigos e visitantes cantamos o «pobre de min» na aldea de Codeseda, polo remate dun mes enteiro de actividades que supuxeron unha auténtica revolución na zona, supoñend a completa dinamización socio-cultural do lugar. Esa noite retornamos ao habitual «mundo sen luz» das aldeas galegas, pero para nós xa nada volverá a ser igual, porque demostramos que podemos iluminar a nosa aldea, as nosas rúas, as nosas casas, as nosas vidas e os nosos corazóns como os habitantes da vila ou cidade máis avanzada.

Un éxito sen paliativos e tamén sen precedentes, por tratarse dunha iniciativa singular e pioneira nas aldeas galegas, tivo a primeira edición deste evento, que logrou abarrotar de xente este humilde recuncho da comarca de Deza, sito no corazón da Galicia interior, durante cinco fins de semanas consecutivos, ademáis de botar á rúa á totalidade dos veciños, novos e vellos, sans e enfermos para compartir unha experiencia que causou verdadeiro furor entre a poboación local, cunha masiva e sorprendente participación de mozos e nenos, que nos garante a súa continuidade nos vindeiros anos e nos anima a poñer en práctica novas ideas que contribúan á posta en valor do fermoso mundo rural galego.

Ademáis das múltiples actuacións musicais, o mercadiño solidario, numerosos obradoiros con degustacións, que axudaron a visualizar a fantástica labor das asociacións de discapacitados da zona e a divulgar o talento emerxente dos xoves emprendedores da parroquia de Doade, completaron o evento as exposicións dos 140 beléns artesanais feitos por veciños, colaboradores e amigos, así como as 60.000 luces multicolores instaladas, que deleitaron ao público no período comprendido entre o 8 de decembro e o 6 de xaneiro, atraendo a visita dunhas 3.000 persoas a esta minúscula aldea de Lalín.

Se resulta inédito o feito de conseguir que tanta xente se interese nunha pequena aldea habitada por apenas 20 persoas, en pleno inverno, desafiando o temporal, a chuvia, o vento e o frío, aínda máis importante foi a absoluta unión e presenza dos veciños, que nos engrandece cara o resto do mundo. Aquí estivemos todos, cóbado con cóbado durante máis dun mes, sen importar o tempo nin as circunstancias. Reunímonos máis veces nestes días ca no resto do ano enteiro, a pesar de levar 24 anos traballando xuntos en múltiples tarefas comunitarias. Tan só por tanta unidade, tanto esforzo e tanta ilusión compartida, xa pagaría a pena repetir esta experiencia única que nos brindou o inesquecible Nadal do 2019 en Codeseda.

Con toda humildade, pero tamén con igual convicción, creo que podemos e debemos sentirnos ben orgullosos do que somos: un pobo pequeno, humilde, pero unido, cheo de xente emprendedora, con fe cega nas nosas posibilidades, que oxalá se converta nun espello no que mirarse milleiros de pequenos lugares do rural galego, para que fagan realidade as súas ilusións, poñendo en marcha novos proxectos e ideas, coa mesma fe e esperanza que aquí o estamos a facer. Porque que ninguén se chame a engano: as aldeas galegas non están mortas, tan só están durmidas e precisan que a creatividade, a loita e a ilusión dos seus moradores, en especial dos máis novos, as fagan espertar do seu sono coa suave brisa dun novo amencer, baseado no recoñecemento das súas enormes posibilidades de futuro. Ese día resplandecerá como nunca a cor verde esperanza da nosa querida Galicia.

Dende o Museo Etnográfico Casa do Patrón, organizador desta memorable iniciativa, reiteramos o noso profundo agradecemento á Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Lalín, pola colaboración prestada, aos medios de comunicación pola puntual difusión dun evento tan prolongado no tempo, o exemplar traballo e solidariedade de tódolos veciños, e sobre todo, á masiva asistencia dos visitantes, que fixeron posible que o noso intenso traballo tivera a inmensa recompensa e satisfacción de vernos arroupados pola compaña e o cariño sincero de tanta xente humilde e xenerosa nas datas máis entrañables do ano.

Que cada Nadal que nos resta por vivir represente a «luz do mundo» para as aldeas galegas, tan necesitadas de esquecer a súa longa noite de pedra!.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A aldea do Nadal en Codeseda, un raio de luz para o rural