«O maior reto, incrementar a cabana das bestas cun monte limpo e desbrozado»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Paulo Vicente demanda axudas para os desbroces e para ter unha persoa que se ocupe do gando e colabore co turismo en Sabucedo

05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 89 votos dos 104 válidos emitidos, Paulo Vicente Monteagudo (Sabucedo, 1981) é o novo presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo.

-Como afronta esta labor?

-Con medo ante as expectativas do traballo que temos por diante, respecto e alegría á vez, e con agradecemento ao apoio da xente nas votacións. Intentaremos facelo o mellor posible.

-Ese apoio masivo engade responsabilidade ao cargo?

-A verdade é que si, porque foi unha decisión bastante unánime. O traballo que fixo Henrique Bazal estos catros anos foi moi bo, polo que vai ser bastante difícil superar as boas prácticas e o bo traballo que levou adiante a persoa que estivo antes.

-Vostede xa se integraba na anterior directiva.

-Eu era ata agora secretario da asociación, e paso agora á presidencia. Do traballo de Bazal destacaría o relativo aos desbroces, ao saneamento das reses, e saber traballar en equipo, saber facer grupos de traballo nos aspectos diferentes da festa, como o curro, as bestas e outras áreas.

-Será unha xestión continuista?

-Si, vai ser continuista porque está claro que o que funciona debe continuar facéndose igual. Se hai aspectos que correxir o faremos co consenso de toda a aldea e da propia directiva que saia destas eleccións. Eu terei unha ou dúas semanas para comunicar ao pobo a decisión sobre quen vou escoller na directiva. Pero vai ser bastante continuista porque a maioría dos aspectos estaban funcionando correctamente. Conto con todo o resto do pobo que se queira integrar e ser partícipe da nova directiva, na que por obrigación legal temos que ter tesoureiro, secretario, vicepresidente, presidente e vogais. Quero plantexar ao pobo manter un vogal por casa [unha veintena], o que levará a que a xente axude e se sinta involucrada en todos os procesos e decisións.

-Cal é hoxe o maior reto?

-Incrementar a cabana das bestas e atopar a axuda económica das administracións para poder ter unha persoa que traballe para a Rapa das Bestas, tanto no control de gando como se se puidera a nivel turístico, permitindo ensinar as bestas á xente que ven polo novo camiño de Santiago, que funcione o albergue de Sabucedo. O fundamental é o coidado das bestas, alixeiraría a problemática que temos coas aldeas limítrofes, co coidado do monte, facer desbroces ...

-Como ve a continuidade da Rapa con esa cabana que se reduce?

-Se o monte está limpo e desbrozado, por natureza as bestas quedan preñadas unha vez ao ano e a cabana podería incrementarse amplamente. A dificultade está en que non podemos asumir continuamente desbroces do monte pola nosa parte porque a nosa economía non aguantaría, necesitamos axuda externa. Eso é o que posibilita que a cabana aumente e estea san. E eso é o que queremos buscar: o incremento por medios naturais. Se temos que comprar bestas, será unha merma económica para nós, ten que ser unha decisión colectiva da aldea.

-Unha Rapa cada vez con máis xente, corre o risco de perder a súa esencia?

-Pensamos que non. A Rapa de Sabucedo ten uns códigos establecidos que non se poden romper: a esencia propia da Rapa de buscar as bestas ao monte, facer o curro como sempre se fixo vai ser así, non se tomarán decisións en contra deso. Non sabemos o que pode facer a globalización ou o cambio climático con nós, cousas que non podemos controlar. Nós queremos que esto continúe: en Sabucedo pola semana viven 20 persoas, 40 nas fins de semana, e estamos aguantando dunha festa que xunta ás persoas que xunta Mentres poidamos aguantaremos. É a nosa esencia, non temos outra: a esencia de Sabucedo son as bestas.